A Xunta de Goberno Local toma coñecemento da proposta de convenio remitida por ACUAES para a execución da nova EDAR da Silvouta

A Xunta de Goberno Local toma coñecemento da proposta de convenio remitida por ACUAES para a execución da nova EDAR da Silvouta
A Xunta de Goberno Local toma coñecemento da proposta de convenio remitida por ACUAES para a execución da nova EDAR da Silvouta

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou tomar coñecemento da proposta de borrador de convenio remitido por ACUAES, (Sociedade Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A.), no que, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, tamén participa a Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, para a execución da nova EDAR da Silvouta; e iniciar os trámites para a súa aprobación. Na rolda de prensa posterior á reunión do executivo municipal, o alcalde sinalou que se prevé un investimento total de 56.280.000 euros.

Desta cantidade, 36.582.000 euros serían aportados con cargo ao Fondo Europeo de Reconstrucción (aproximadamente un 65%), 10.826.000 euros correrían a cargo da Xunta de Galicia, e os outros 8.872.000 euros, co IVE correspondente, finaciaríaos o concello de Santiago (as aportacións dos fondos europeos e da administración autonómica están exentas de IVE). Sánchez Bugallo avanzou que van estudiar fórmulas para ver se se pode "minorar esta participación" do concello.

O executivo local tamén aprobou a adxudicación do contrato "Proxecto Smartiago- Licitación CPI (Compra Pública Innovadora) para desenvolver unha solución tecnolóxica de mobilidade smart, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (CON/35/2020)", a favor da empresa Kapsch Trafficom Transportatios S.A., por un importe total de 1.709.241,63 euros, IVE engadido.

Segundo o prego de prescripcións técnicas, deberase realizar un despregamento de, como mínimo, 31 cámaras intelixentes de control de tráfico e vehículos, e como mínimo outras 12 de control de mobilidade peonil. O obxectivo, segundo explicou Sánchez Bugallo, "é controlar o acceso á cidade histórica; regulando o fluxo de tráfico".

A instalación destas cámaras intelixentes, segundo sinalou o rexedor, está previsto que se complete no ano 2022. "Cremos que vai ser fundamental para reducir a afluencia de vehículos non autorizados e non autorizables no ámbito da cidade histórica". Un proxecto, "dun enorme interese, tanto tecnolóxico como da capacidade que nos vai dar para poder controlar o funcionamento da circulación e da accesibilidade" á zona vella.

Tamén se aprobou o proxecto de execución do "Remate do tratamento arquitectónico do límite Leste da Alameda (Muro da rúa Pombal)" cun orzamento máximo de licitación de 651.521,64 euros IVE incluído. O prazo de execución é de 6 meses. Un proxecto que, explicou o alcalde, será desglosado en dúas partes: a parte "requerida para garantir a seguridade", na Rúa do Pombal, será executada polo Concello de Santiago, con carácter urxente; e unha segunda parte "vinculada á dispoñibilidade dos terreos" que hai entre a Alameda e a Rúa Cruceiro do Gaio.

Ademais, deuse luz verde ao proxecto técnico de "Rexeneración asfáltica en varios puntos da cidade de Santiago de Compostela", que afectará a Rúa de Agriña de Amio, Rúa da Cima da Eira, Rúa das Barreiras, Rúa de Picaños, Rúa Agra da Garrida, Yáñez, Rúa do Lindeiro, Rúa dos Porróns, Rúa da Ponte do Sar-Rúa do Cruceiro de Sar e Rúa de Betanzos. O orzamento máximo de licitación é de 399.691,98 euros IVE incluido, cun prazo de execución é de 4 meses. E aprobouse o proxecto técnico de renovación do céspede sintético do campo de fútbol do Sergas cun orzamento máximo de licitación de 550.117,14 euros, IVE engadido, e un prazo de execución doutros 4 meses, ambos con cargo ao remanente de tesourería.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local adxudicou, ao Consorcio da Cidade de Santiago, a licenza para realizar, segundo os informes que constan no expediente e conforme ao proxecto básico e de execución, a obra de substitución da cuberta do Pazo de Raxoi, situado na Praza do Obradoiro, cun orzamento de execución material de 571.515,34 euros.

A maiores aprobouse o expediente denominado "Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do parque de Salgueiriños do Concello de Santiago de Compostela, reservado a centros especiais de emprego D.A. 4ª LCSP", e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 377.308,26 euros IVE engadido.

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou a contratación dunha campaña nos centros de ensino para traballar a educación en igualdade e programas para a prevención da violencia de xénero en infantil, primaria, secundaria, formación profesional, bacharelato e educación especial nos cursos 2020/2021 e 2021/2022; á empresa Retnova Proxectia Consulting, S.L. por un importe total de 62.999,99 euros, IVE incluído. Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.

CONVENIOS
Na área de deportes, aprobáronse varios textos de convenios de subvencións nominativas co Club Sociedade Deportiva Compostela por valor de 65.000 euros, co Club de Triatlón Santiago por 20.000 euros, co Club Santiago Futsal por 65.000 euros, co Club Arteal Tenis de Mesa por valor de 9.500 euros, e co Club de Atletismo Santiago por 9.000 euros.

Tamén se aprobou o texto do convenio e a concesión da subvención á Academia Galega de Teatro, por importe de 8.000 euros; e a sinatura do Convenio entre o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de actividades docentes en arqueoloxía no xacemento arqueolóxico de Pedra Castro, de propiedade municipal. Este convenio non supón obrigas económicas para o Concello.

A maiores, aprobouse a concesión de subvencións a festas patronais do Concello de Santiago de Compostela 2020 a sete entidades veciñais, por un importe total de 5.450 euros.

PLENO EXTRAORDINARIO

O concello tamén acolleu hoxe unha sesión extraordinaria do Pleno da corporación, que aprobou o expediente modificativo de crédito, modalidade de crédito extraordinario, cun importe total de 479.341,75 euros para atender o pagamento da sentenza sobre retribución por aumento de instalacións no marco do contrato administrativo de concesión dos servizos de abastecemento de auga potable xestionado por Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia SAU. O importe cobre os maiores custos desde 2010 ata decembro de 2015 na xestión das instalacións de abastecemento de auga potable, rede de sumidoiros e augas residuais. 

Comentarios