Santiago de Compostela súmase ao Día mundial da loita contra a SIDA

Santiago de Compostela súmase ao Día mundial da loita contra a SIDA
Santiago de Compostela súmase ao Día mundial da loita contra a SIDA

A Corporación Municipal do Concello de Santiago sumouse ao Día mundial da loita contra a SIDA, coa lectura dunha mensaxe da organización internacional ONUSIDA, un documento no que se apela á "solidariedade mundial e á responsabilidade compartida", que obriga a "contemplar respostas sanitarias mundiais" tanto para a VIH como para pandemias como a COVID19, desde unha nova perspectiva que pasa por, segundo o texto, o acceso garantido á saúde e total financiamento da mesa, o reforzo dos sistemas sanitarios, e o respecto aos dereitos humanos, así como ás mulleres e á igualdade de xénero. Leron o documento o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; María Castelao, do Grupo Popular; Jorge Duarte, de Compostela Aberta; e a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín.

O fragmento de texto lido polo alcalde, de Santiago incidía en que agora é o momento de facer "uso do liderado para conseguir sociedades máis igualitarias. Debemos ter líderes capaces de defender o dereito á saúde para todos e todas, e de encabezar unha recuperación mundial sólida e igualitaria. Neste Día Mundial da SIDA, únete a nós e instemos a que os países multipliquen os seus esforzos para lograr sociedades máis sás. Neste Día Mundial da SIDA reclamemos solidariedade mundial e responsabilidade compartida".

Mila Castro leu os primeiros parágrafos da mensaxe, nos que se destaca que a "COVID-19 puxo sobre a mesa que a saúde se interrelaciona directamente con outros problemas fundamentais, como a redución das desigualdades, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a protección social e o crecemento económico". Por iso, o lema do Día Mundial da SIDA deste ano é "Solidariedade mundial, responsabilidade compartida". O texto continua dicindo que para acabar coas pandemias do VIH e da COVID-19, coincidentes no tempo, "é clave eliminar o estigma e a discriminación, poñer as persoas no centro da pandemia, basear as nosas respostas nos dereitos humanos e adoptar enfoques con perspectiva de xénero".

A continuación leu a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín: "a pandemia da COVID-19 revelou as enormes desigualdades enquistadas nas nosas sociedades. Esta crise sanitaria, como moitas outras, está a azoutar con máis forza nos máis débiles e vulnerables". Entre os grandes retos, continuou, "que se viron magnificados está o de acceder a unha atención sanitaria que salva vidas, o que se tornou aínda máis complexo. Do mesmo modo, comprobamos con que magnitude as desigualdades sociais e económicas aumentaron a vulnerabilidade ao VIH dos grupos marxinados. Porén, esta crise tamén pretende chamar a nosa atención para que actuemos, preséntasenos como unha oportunidade para facer as cousas dun xeito diferente: ben e xuntas e xuntos".

Jorge Duarte, de Compostela Aberta, continuou a lectura, engadindo que "en moitos aspectos, poñer fin á SIDA como ameaza de saúde pública depende de como o mundo logre responder á COVID-19. Temos infinidade de exemplos que nos demostran que o activismo das comunidades e a solidariedade, unha vez máis, foron de suma importancia para brindarlles ás persoas afectadas polo VIH información, servizos, protección social e esperanza. Non obstante, esta solidariedade non pode ser responsabilidade exclusiva das comunidades. Os gobernos, as persoas doantes, os líderes de fe, a sociedade civil e todos e cada un de nós debemos contribuír para facer do mundo un lugar máis san".

María Castelao, do PP, leu en penúltimo lugar: "a COVID-19 reafirmounos en que mediante a política pódese tamén lograr o cambio. Vimos gobernos que aprobaron medidas extraordinarias e que investiron grandes recursos económicos para salvar vidas e protexer empregos. Fomos testemuñas da enorme colaboración entre países para garantir a continuidade dos tratamentos para o VIH. Presenciamos como os países alzaban as súas voces ao unísono para facer un chamamento internacional e solicitar unha vacina contra a COVID-19 ao alcance de todos e todas e dispoñible para toda a humanidade de forma igualitaria". Xusto cando nos adentramos na última década da acción para acabar coa SIDA como ameaza de saúde pública para 2030, precisamos máis ca nunca da boa vontade política para acadar o noso obxectivo". É posible. Podemos facelo".

O Concello de Santiago, desde o servizo de prevención de drogas da Umad, colabora, ao longo destes últimos anos, na difusión das ideas centrais desta conmemoración: concienciación, apoio e visibilización da enfermidade.

Esta mensaxe, xunto coa iluminación da fachada do Pazo de Raxoi, son as primeiras de varias accións programadas para os próximos días, entre as que destacan catro mesas temáticas a desenvolver en catro días do mes. Nelas abordarase a situación actual da pandemia, os avances na súa detección e tratamento, a prevención e as liñas de futuro da VIH-SIDA. Organizadas en colaboración coa Asociación Sexus, retransmitirase por streaming a través da páxina web municipal e da canle de YouTube do Concello.

Así mesmo, a UMAD elaborou un mapa plegable da cidade onde se sinalan os puntos nos que se pode facer a proba rápida da VIH-SIDA e como se debe proceder. Esta guía de bolsillo fíxose en colaboración coa asociación Avante LGTB.

O obxectivo de todas estas accións é apoiar e dar visibilidade a unha pandemia, o VIH, que afecta a 38 millóns de persoas en todo o mundo, segundo cifas de ONUSIDA. 

Comentarios
Lo más