Piden ao Concello máis monitores para dar resposta á maior carga de traballo nos comedores escolares

Piden ao Concello máis monitores para dar resposta á maior carga de traballo nos comedores escolares
Piden ao Concello máis monitores para dar resposta á maior carga de traballo nos comedores escolares

A entrada progresiva do alumnado, os labores de desinfección e a atención a grupos burbulla fixeron aumentar a duración das xornadas e das tarefas

A Federación do Ensino de CCOO pídelle ao Concello de Santiago que contrate máis persoal para dar resposta á maior carga de traballo nos comedores escolares. O sindicato reuniuse tanto co Goberno local como coa empresa concesionaria, Alimentación Saudable Galega, para adaptar á realidade da covid-19 o traballo de monitores e monitoras e mais de coordinadores e coordinadoras.

Nestas reunións, CCOO informou por escrito da situación do servizo como consecuencia da adaptación á situación sanitaria e detallou as necesidades que cómpre solucionar, comezando polo incremento de xornada dos monitores e monitoras, e a contratación de máis persoal para realizar estas funcións.

CCOO-Ensino lembra que os monitores e monitoras dos comedores santiagueses levan desde o comezo do curso, o pasado 10 de setembro, asumindo unha maior carga de traballo debido á entrada progresiva do alumnado —o que aumenta a xornada—, o incremento de quendas de comedor para prestar o servizo, a desinfección das instalacións e dos anteparos e a atención de grupos burbulla.

Para o sindicato, grazas a este persoal o servizo «está saíndo adiante con eficiencia e seguridade», pero esixe que o traballo realizado «sexa recoñecido», de xeito que os escolares e as súas familias o sigan recibindo coas maiores garantías.

CCOO-Ensino seguirá a apostar polo diálogo, co obxectivo de chegar a unha solución consensuada para este conflito, pero adianta que a situación «non pode continuar así de xeito indefinido».

Comentarios
Lo más