A exposición 'Cinema e emocións' pecha con máis de 20 mil visitantes

A exposición 'Cinema e emocións' pecha con máis de 20 mil visitantes
A exposición 'Cinema e emocións' pecha con máis de 20 mil visitantes

Este domingo foi a última oportunidade para contemplar na Cidade da Cultura esta colección de proxeccións, carteis, debuxos, fotografías de rodaxe e obxectos senlleiros como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución de King Kong

A mostra Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia viviu  a súa derradeira fin de semana no Museo Centro Gaiás superando os 21.000 visitantes desde a súa apertura o pasado mes de xullo. Organizada por La Cinémathèque française e a Fundación ”la Caixa”, en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021, convidou a un percorrido a través dun século de historia do cinema, coa ollada da cativada como fío condutor.

Cinema e emocións propoñía unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, puidéronse contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.

Nestes case seis meses na Cidade da Cultura, a exposición contou cun programa de visitas comentadas gratuítas especialmente adaptado ao contexto sanitario da covid-19 –con reserva previa e capacidade moi reducida– no que participaron máis de 600 persoas. No marco da mostra organizouse tamén o ciclo familiar Domingos de Cinema e emocións, que converteu o Museo nun efémero cinema de outono para proxectar os filmes Inside out, Le Havre, Ma vie de courgette e Persépolis, fitas que forman parte do amplo percorrido cinematógrafico da exposición.


Comentarios
Lo más