Aberto o prazo de inscrición para que os establecementos de Ames se adhiran á campaña de tarxetas bono Reactiva Ames

Aberto o prazo de inscrición para que os establecementos de Ames se adhiran á campaña de tarxetas bono Reactiva Ames
Aberto o prazo de inscrición para que os establecementos de Ames se adhiran á campaña de tarxetas bono Reactiva Ames

Esta iniciativa xerará un volume de negocio de 280.000 euros. Existen dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de poñer en marcha a campaña de tarxetas bono Reactiva Ames, a través da cal durante este exercicio 2021 se porán en circulación 3.000 tarxetas-bono para gastar nos establecementos amesáns. Esta iniciativa xerará un volume de negocio de 280.000 euros. Existen dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. Ata o 31 de xaneiro poderán inscribirse os establecementos que desexen adherirse á campaña e a partir do 5 de febreiro comezarán a distribuírse os bonos entre os potenciais clientes dos establecementos adheridos. A iniciativa está contemplada no Plan Reactiva Ames. 

Dende este domingo, 10 de xaneiro, os establecemento de Ames que queiran participar na campaña de tarxetas bono Reactiva Ames xa poden facelo. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro domingo 31 de xaneiro de 2021. Para inscribirse hai que entrar na Sede electrónica do Concello de Ame e cubrir a solicitude que se atopa debaixo do apartado de Trámites en liña. Para acceder á solicitude hai que premer no apartado de Promoción Económica. É importante que as persoas que cubran dita solicitude acheguen o código de comercio para que todos os datos da solicitude estean correctos. Premendo nesta ligazón podes ver que é o código de comercio (sae na copia de compra de calquera operación realizada a través dunha TPV).

A campaña desenvolverase en dúas fases. Na primeira fase poderanse adquirir as tarxetas e facer as compras no período que vai do 5 de febreiro ata o 31 de marzo. Posteriormente, abrirase unha segunda fase do 1 de setembro ata o 31 de outubro de 2021 na que tamén se poderán mercar as tarxetas bono e facer as compras con ditas tarxetas. Cómpre destacar que tanto a adquisición das tarxetas como a realización das compras con ditas tarxetas pódense realizar exclusivamente en estes dous períodos.

Todas as empresas e comercios de Ames, agás supermercados de gran superficie, farmacias, estancos e gasolineiras, establecementos sanitarios e casas de xogo, poderán inscribirse na campaña. A partir do día 5 de febreiro habilitaranse dous espazos, un no Milladoiro e outro en Bertamiráns, para que persoal da asociación XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames) poidan distribuír estas tarxetas entre os potenciais clientes dos establecementos adheridos.

As persoas beneficiarias poderán adquirir as tarxetas-bono de compras Reactiva Ames, que servirán para o seu consumo exclusivo nos comercios de Ames adheridos á campaña. As tarxetas non serán válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. A lista de establecementos adheridos á iniciativa publicarase tanto na páxina web de XEA (www.xuntanzadeempresariosdeames.gal) como na páxina web do Concello de Ames a partir do día 5 de febreiro de 2021.

O Concello aporta o 40% do valor dos bonos

O Concello de Ames destina a esta campaña a cantidade de 89.000 euros, dos que 80.000 euros son axudas directas á adquisición de bonos e os 9.000 euros destinásense a sufragar os custos que supón a adquisición das tarxetas-bono. A achega municipal supón un 40% dos gastos de cada tarxeta como medida de apoio ao comercio local. A axuda de 89.000 euros que dará o Concello ás asociacións de comerciantes permitirá poñer en movemento  un volume de negocio de 280.000 euros para gastos directos no comercio local.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “o obxecto destas axudas é apoiar ao sector comercial e hostaleiro do municipio de Ames, tratando de impulsar o consumo local a través da posta en funcionamento das tarxetas-bono Reactiva Ames para investir os establecementos comerciais e de hostalería do municipio. Esta campaña enmárcase dentro do Plan Reactiva Ames, presentado no pasado mes de outubro, e que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames”.

Características das tarxetas bono Reactiva Ames

A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames poñerá ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda igual ao 40% do valor da mesma. O Concello de Ames poñerá ao dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 3.000 tarxetas que funcionarán como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).

Estas tarxetas poderán ser utilizadas en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames. O Concello de Ames cofinanciará dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:

2.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 20 euros e a persoa beneficiaria achegará 30 euros.

1.000 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 40 euros e a persoa beneficiaria achegará 60 euros.

Poderase mercar unha tarxeta bono de cada tipo

Por tanto, a axuda do Concello de Ames é igual ao 40% do valor da tarxeta-bono solicitada pola persoa beneficiaria. Cada persoa poderá solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo; é dicir, cada persoa poderá adquirir como máximo unha tarxeta bono de 50 € e unha tarxeta bono de 100 euros.

Compre salientar que as outras dúas asociacións de comerciantes e empresarios; a Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar e maila Asociación de empresarios do parque empresarial do Milladoiro que teñen sede no concello chegaron a un acordo para que sexa XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames) quen xestione a campaña. Previamente ao inicio de dita campaña asinouse un convenio entre o Concello de Ames e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ademais, XEA firmará un convenio de colaboración cunha entidade bancaria para a xestión das tarxetas bono.

O presidente de XEA, Jorge López, destaca que “a iniciativa está pensada para que se merque no noso comercio. Buscamos o ben da nosa asociación pero, sobre todo, que se reactive o comercio local de Ames e, polo tanto, as tarxetas valen para calquera establecemento do municipio, socios e non socios. A xente que non sexa de Ames tamén poderá desfrutar destes bonos porque, por exemplo, a xente de Brión sempre merca nos nosos negocios, polo que é xusto que tamén se beneficien desta campaña. Son parte da nosa clientela”.

Comentarios
Lo más