Reclaman promoción e unha mellora da sinalización das esculturas dos parques de Compostela

Reclaman promoción e unha mellora da sinalización das  esculturas dos parques de Compostela
Reclaman promoción e unha mellora da sinalización das esculturas dos parques de Compostela

Compostela Aberta propón a creación dun roteiro virtual polas pezas que apareceron nunha guía publicada polo Concello en 2019

A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra defenderá no próximo Pleno da Corporación unha moción na que insta ao Goberno local a crear un roteiro virtual polas esculturas instaladas nas zonas verdes de Santiago, así como a mellora da súa sinalización. A edila explicou que esta proposta “é especialmente acaída nestes tempos dede pandemia, nos que a veciñanza quere gozar do espazo público, valora máis que nunca os parques e xardíns e fai un uso especialmente intenso deles”. 

Branca Novoneyra sinalou que “nun momento no que pasear polos parques se está a converter nunha das principais actividades de ocio da veciñanza, sería moi positivo desenvolver unha acción divulgativa para que a cidadanía sexa coñecedora da riqueza do patrimonio que albergan estas zonas verdes”. Tal e como explicou, na moción presentada por CA “faise unha referencia concreta ao micropatrimonio cultural, que xa foi obxecto en 2019 dunha guía publicada polo Concello na que se realizaba unha antoloxía de 12 esculturas contemporáneas que enriquecen os parques e xardíns de Santiago”. A concelleira propón que, a partir desa publicación, o Concello desenvolva “un roteiro virtual por esas pezas, e que instale sinaléctica non invasiva e refractaria ao vandalismo, que tamén facilite o coñecemento desas esculturas por parte da cidadanía”. Para iso, Novoneyra animou ao Goberno “a empezar a traballar de maneira transversal, neste caso coa colaboración entre as concellarías de Acción Cultural e Medio Ambiente, para unir a cultura e a natureza nesta proposta”. 

A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que as pezas que facían parte da guía publicada polo Concello, “son relevantes desde o punto de vista artístico, e dan conta dunha ampla diversidade de celebracións, homenaxes e recoñecementos que suman a historia da arte contemporánea de Compostela”. Entre elas, Branca Novoneyra destacou “A Porta da Música” de Eduardo Chillida, que se pode atopar no Parque de Bonaval; “A Pasionaria” de Camilo Otero, diante da Facultade de Económicas, “As Marías” de César Lombera, da Alameda; ou o “Retrato Póstumo de Asurbanipal” de Eugenio Granell, instalada no Parque da Música do Barrio de Vista Alegre.

Comentarios
Lo más