Marta Lois: “Bugallo vende fume falando de novas axudas para a hostalería que non son tal, para ocultar que non pagou as subvencións xa aprobadas”

Marta Lois: “Bugallo vende fume falando de novas axudas para a hostalería que non son tal, para ocultar que non pagou as subvencións xa aprobadas”
Marta Lois: “Bugallo vende fume falando de novas axudas para a hostalería que non son tal, para ocultar que non pagou as subvencións xa aprobadas”

A portavoz de Compostela Aberta lembra que os dous millóns de euros para subvencións dos que fala hoxe o alcalde xa estaban previstos nos remanentes municipais

A portavoz de Compostela Aberta acusou hoxe ao alcalde de “vender fume” cando anuncia nos medios de comunicación que o Concello vai habilitar unha terceira liña de axudas para o sector da hostalería, dotada con dous millóns de euros. Marta Lois lembrou que esa é a cantidade que xa estaba prevista para a convocatoria de subvencións con cargo aos remanentes municipais de 2019, máis ao millón de euros achegado pola Deputación da Coruña para estas axudas. Para a concelleira de CA, “Bugallo só trata de ocultar a preocupante realidade de que a día de hoxe non pagou nin unha soa das axudas para o sector anunciadas desde o comezo da pandemia”. 

Marta Lois reclamoulle a Bugallo “que pase da propaganda aos feitos, e que non cree no sector da hostalería a falsa expectativa de novas axudas, cando está a falar das que tén pendentes de convocar e que xa estaban anunciadas”. Para a portavoz de Compostela Aberta, “o que tén que facer o alcalde é axilizar o pago das subvencións que tén pendentes, porque o Goberno dos autodenominados bos xestores aínda non foron quen de abonar as axudas convocadas no pasado mes de maio, e por unha cantidade de só 100.000 euros”. Ao respecto, lembrou que os hostaleiros tiveron que realizar as solicitudes en xullo, “e medio ano despois, e coa lista de beneficiarios xa aprobada desde novembro, nada saben dos cartos”. Por iso, Lois advertiu que “se este Goberno non é capaz de pagar axudas por só 100.000 euros dunha convocatoria de maio, como imos crer que vai ser áxil na tramitación dos 1,6 millóns de euros da convocatoria de decembro?”. 

Atraso dos orzamentos 

A concelleira de Compostela Aberta urxiu novamente ao alcalde a “axilizar a tramitación dos orzamentos municipais, porque son a mellor ferramenta para afrontar esta situación de crise e para procurar novas fórmulas máis alá das convocatorias de axudas puntuais”. Para Marta Lois, “cada día que pasa é máis inxustificable a actitude deste Goberno, que segue sen achegarlle á oposición ningunha información sobre unhas contas que deben ser moi diferentes ás de 2020, porque a situación é radicalmente diferente”. Ademais, a concelleira de CA reclamoulle a Bugallo “que exerza a súa obriga de defender os intereses de Santiago, e deixe de limitarse a pechar filas coa Xunta mesmo cando toma decisións que prexudican a un sector fundamental na nosa cidade como é o da hostalería”. Para Lois, non se entende que o alcalde “non reclame diante de Feijóo que atenda ás singularidades de Santiago, e que non aproveite a súa estreita relación co presidente da Xunta para reclamarlle as medidas de compensación que está a pedir o sector”

Comentarios
Lo más