Brión convértese no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía

Brión convértese no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía
Brión convértese no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía

Os escolares e as asociacións culturais do municipio poderán acceder a visitas guiadas de balde. Mentres dure a pandemia, todos os veciños e veciñas de Brión poderán visitar o museo de xeito gratuíto

O Concello de Brión converteuse no sétimo concello Mecenas da Casa de Rosalía en virtude do convenio de colaboración asinado esta mañá polo alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Un acto ao que asistiron a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o técnico municipal de Cultura de Brión, Alberto Álvarez.

En virtude deste convenio anual, polo que o Concello de Brión achega 1.000 euros, tanto os escolares como as asociacións culturais do municipio poderán acceder a visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Ademais, dado que estas visitas non están permitidas actualmente por mor das restricións da Covid-19, mentres dure a pandemia calquera veciño e veciña de Brión poderá visitar o museo acreditando documentalmente a súa procedencia.

Brión é un concello con moitas ligazóns coa nosa autora que forma parte da Ruta Rosaliana. Ten lugares ben importantes na súa vida e obra, como Bastavales, onde viviu e cuxas campás  protagonizan un dos seus poemas máis populares. De feito, Pablo Lago Sanmartín amosou tamén a disposición do Concello de Brión a seguir colaborando coa Casa de Rosalía “en todo o que teña que ver coa posta en valor da figura da poetisa”, incluso se amosou disposto a patrocinar un número de “Follas Novas. Revista de estudios rosalianos” que edita a Fundación Rosalía de Castro.

Centos de persoas de todo o país -e máis alá- xa se converteron en Amigas da Casa deRosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser ungrande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.

“En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ao 50%, que é unha cifra considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremosintentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Autofinanciamento do 45%

A Casa-Museo tivo unha taxa de autofinanciamento do 45% (2019, que evoluciona desde un 20% en 2012), cifra considerable na nosa contorna cultural, “mais entendemos que cómpre aínda percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía”, afirma Anxo Angueira, presidente da Fundación. A evolución das visitas á Casa tamén foi positiva ata a chegada da Covid: incrementáronse desde 2012 ata 2019 nun 260% (de 8.655 a 22.463).

A Fundación Rosalía quere continuar neste vieiro para “asegurar o seu presente e, sobre todo, o seu futuro, para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus servizos”, continúase desde a Fundación, que afirma que é xa un dos museos galegos máis visitados “e debe estar na vangarda cultural e ser un referente a nivel nacional e tamén internacional”.

Comentarios
Lo más