Os concellos da comarca de Compostela recibirán 19,2 millóns do Plan Único 2021

Os concellos da comarca de Compostela recibirán 19,2 millóns do Plan Único 2021
Os concellos da comarca de Compostela recibirán 19,2 millóns do Plan Único 2021

Os municipios da área recibirán entre 252.000 e 1,6 millóns de euros e teñen ata o 5 de febreiro para formular as súas solicitudes

Os concellos da provincia da Coruña teñen ata o día 5 de febreiro para presentar os proxectos nos que queren investir os fondos que a Deputación da Coruña destina este ano aos municipios coruñeses na primeira achega do Plan Único (POS+2021).

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso,  lembrou que o Plan Único incrementa este ano o seu orzamento inicial un 37%, pasando dos 47,2 millóns de 2020 aos 64,6 millóns de euros de orzamento inicial este ano, co obxectivo de impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia.

Un Plan Único máis social

O presidente subliñou ademais que o Plan Único presenta importantes novidades este ano, como os 14 millóns de euros do POS Social incluídos no orzamento, que serán destinados en exclusiva a financiar o aumento dos gasto social dos concellos debido á pandemia da Covid-19. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos poden destinar estes fondos.

As achegas destinadas aos concellos da comarca de Compostela oscilan entre os 252.663 € que percibirá Dodro e os máis de 1,6 miillóns de Santiago e Ames. En total, a achega inicial do POS+2021 distribuirá 19,2 millóns de euros entre os municipios da área, dos que 4.188.063 destinaranse a gastos sociais e 15 millóns a financiar gasto corrente, obras e investimentos ou amortización de débeda, en función das necesidades concretas de cada municipio.

O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.

2.257 obras financiadas co Plan Único na provincia

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único financiou 2.257 obras nos 93 concellos da provincia; contribuíu a sanear as economías dos concellos, reducindo a súa débeda en máis de 11 millóns de euros e converteuse nunha ferramenta imprescindible para a mantemento de numerosos servizos básicos municipais.

Agora o Plan adáptase á difícil situación que atravesamos debido á pandemia, incrementando o seu orzamento en 17,4 millóns para favorecer a reactivación económica e destinando un de cada cinco euros a gasto social, unha das partidas nas que os concellos viron incrementado o seu esforzo inversor durante o último ano, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás na saída da crise.


Comentarios
Lo más