Goretti Sanmartín: “Da Conta Xeral despréndese que o investimento medio baixou de 99 a 68 euros por habitante”

Goretti Sanmartín: “Da Conta Xeral despréndese que o investimento medio baixou de 99 a 68 euros por habitante”
Goretti Sanmartín: “Da Conta Xeral despréndese que o investimento medio baixou de 99 a 68 euros por habitante”

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, logo de coñecer os datos da Conta Xeral de 2019 que irá ao Pleno deste mércores, destacou que o investimento medio descendeu de 99 a 68 euros por habitante, pese ás necesidades da veciñanza, o que evidencia que o Goberno local do PSOE non trouxo a Raxoi as novidades prometidas para mellorar a administración e segue a empeorar a xestión orzamentaria.

Os datos revelan un resultado orzamentario de 11,1 millóns de euros e un remanente de tesouraría de 11,7 millóns, cando se aprobou un Orzamento express no mes de agosto que logo non se executou ao ritmo que debera. De feito, “quedaron sen executar 73 de cada 100 euros do capítulo de Investimentos pese ás carencias da cidade e do rural”, advertiu Goretti Sanmartín. “Máis unha vez, e como vén sendo habitual nos últimos anos, é significativo que no Concello non se avance en mellorar o grao de execución dos Orzamentos”, engadiu. A isto súmase que os gastos de capital no seu conxunto (capítulos VI e VII) diminuíron no nivel de execución case 7 puntos porcentuais e baixaron de 28,59% ao 21,82% “Ante isto, cabe preguntarse cantos anos se van necesitar para gastar os investimentos que figuran nos Orzamentos ante este baixo nivel de execución”, afirmou.

Triplicouse o período medio de pago a provedores

Ademais, incumpriuse o período medio de pago a provedores de xeito case permanente durante todo o exercicio, chegando nos meses de agosto e setembro a máis que triplicar o máximo permitido, pasando dos 100 días. Desta situación, que tan só se corrixiu en decembro, despréndese que o Concello de Santiago podería ter vontade de solucionar esta eiva e axilizar o pago de facturas a pequenas e medianas empresas que contratan co Concello, o que está lastrar a súa liquidez e a minguar a economía local.

Dous millóns de recadación en sancións de tráfico

En canto aos principais ingresos correntes que non se liquidaron, Goretti Sanmartín destacou que no capítulo I e II de impostos hai unha desviación de máis de 300.000 euros no IAE e no capítulo III de taxas e outros ingresos dos case 20 millóns orzados, 2 millóns (10%) corresponden a sancións de tráfico, o que dá conta do afán recadatorio destas multas.

Goretti Sanmartín advirte tamén que quedaron sen gastar 1.464.974 euros no capítulo IV de transferencias a entidades, empresas e familias sen fins de lucro; un feito que evidencia a falta de compromiso coas políticas sociais e a incapacidade para que cheguen a terceiros os recursos que se orzan.

Tal como recolle a memoria de Intervención, falta o inventario do Concello e o inventario actualizado dos bens que integran o patrimonio municipal, existen deficiencias na remisión de información e insuficiencia de medios persoais e materiais, entre outros, ademais da ausencia dunha aplicación informática para levar o inventario contábel, explicou.

Deste xeito, reclamou que para 2021 o Goberno local tome nota de todas estas deficiencias e realice os cambios necesarios na administración para executar as partidas orzamentarias de investimentos que tanto necesita a cidade, para axilizar o pagamento a empresas que contratan co Concello e para outorgar en prazo as axudas comprometidas, concluíu Goretti Sanmartín.

Comentarios
Lo más