O prazo para participar na Olimpíada Solidaria de Estudo permanece aberto ata o 18 de febreiro

O prazo para participar na Olimpíada Solidaria de Estudo permanece aberto ata o 18 de febreiro
O prazo para participar na Olimpíada Solidaria de Estudo permanece aberto ata o 18 de febreiro

O alumnado pode rexistrarse a través da web desta iniciativa que permite doar horas de estudo que serán intercambiadas por recursos económicos destinados a formar persoal médico para a atención das mulleres e nenas vítimas da violencia sexual no Congo

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha acción de sensibilización e solidariedade, a través da cal o alumnado pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Ata o vindeiro 18 de febreiro,  as persoas usuarias das bibliotecas da USC, poden doar as súas horas de estudo. Por cada hora doada, a organización da Olimpíada destina un ‘olimpio’, moeda equivalente a un euro, para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países menos favorecidos.

Debido á situación actual de pandemia por mor da COVID-19 e á limitación no número de postos de lectura das bibliotecas, agora tamén se poden doar as horas de estudo na casa ou en calquera outro lugar. Para isto, os organizadores habilitaron na páxina web da Olimpíada, o mecanismo de rexistro para tomar parte na iniciativa.

“O alumnado pode acceder á aplicación tantas veces que como queira e así doar as súas horas de estudo”, explican dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC. “Pregamos a maior honestidade e veracidade á hora de rexistrar o número de horas solidarias doadas”, apuntan. Na edición deste ano, coas horas de estudo, financiarase un proxecto de formación de persoal médico para a atención psicolóxica e psiquiátrica das mulleres e nenas vítimas da violencia sexual, en Lwiro, Kivu Sur, na República Democrática do Congo.

O obxectivo último da Olimpíada é concienciar sobre o obstáculo que pode supoñer para o futuro desenvolvemento dunha persoa o non ter acceso á educación básica e falta de formación. De acordo co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número catro ‘Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos’, en 2021, a Olimpíada Solidaria de Estudo alcanza a súa edición número dezaoito. Baixo o lema ‘Estou onde podo axudar’, esta iniciativa quere reunir os recursos necesarios para os proxectos de cooperación seleccionados, así como sensibilizar a miles de mozos e mozas sobre o problema da falta de acceso á educación en países en desenvolvemento, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.

Comentarios