Denuncian as demoras na atención no Centro Municipal de Información á Muller

Denuncian as demoras na atención no Centro Municipal de Información á Muller
Denuncian as demoras na atención no Centro Municipal de Información á Muller

A portavoz de Compostela Aberta reclama que se axilice a concesión de citas e que se procuren fórmulas para que a atención sexa presencial

A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, denunciou a demora que acumula o Centro Municipal de Atención á Muller na atención ás mulleres que demandan o servizo. Tal e como explicou, o CIM está concertando primeiras citas para a psicóloga a tres meses vista, e sempre para atención telefónica. 

Para Marta Lois, “o servizo non está a cumprir a súa función, porque as mulleres que acoden a el fano en situacións sensibles que non poden agardar tres meses para seren abordadas”. A portavoz de Compostela Aberta explicou que o grupo municipal tén constancia de que o servizo de atención psicolóxica está a demorar máis de tres meses na concesión dunha primeira cita, que ademais se leva a cabo telefónicamente. No caso do servizo de atención xurídica e social, as citas estanse a outorgar a un mes vista, pero as primeiras citas son tamén vía telefónica. 

Marta Lois engadiu, ademais, que son as propias mulleres que recorren ao CIM as que teñen que indicar que tipo de atención demandan, “cando o recomendable é que sexan profesionais as que sinalen cal debe ser o camiño a seguir en cada caso concreto”. Por iso, a concelleira de CA reclamoulle ao Goberno local que garanta “un servizo de atención no Centro de Información á Muller con carácter presencial e que permita atender ás mulleres no menor tempo posible, de xeito inmediato nos casos máis graves, reforzándo o departamento se é necesario”.

Marta Lois levará esta demanda ao Pleno da próxima semana, porque “nos tempos de excepcionalidade que vivimos, cunha crise que está a agravar as situacións de vulnerabilidade de moitas mulleres, o CIM debe ser un instrumento para chegar de forma máis universal e directa a todas aquelas mulleres que precisan atención psicolóxica, social ou xurídica”. Para a concelleira, os protocolos de seguridade por mor da Covid-19 “non poden impedir que se desenvolva un servizo de atención presencial para as mulleres, porque se está a poñer en risco a eficiencia na atención a quen o precisa, e xusto cando máis o precisa”. Marta Lois advertiu que “estamos diante de síntomas moi preocupantes da inacción da concellería de Igualdade e da pouca sensibilidade do Goberno con cuestións que lle afectan especialmente ás mulleres, como xa vimos tamén co encarecemento das actividades de conciliación”.

Comentarios
Lo más