Preguntan sobre o estudo de mobilidade no entorno da intermodal

Preguntan sobre o estudo de mobilidade no entorno da intermodal
Preguntan sobre o estudo de mobilidade no entorno da intermodal

Os populares queren coñecer as previsións sobre fluxos de tráficos previstos que serviron para fundamentar as reformas das rúas Clara Campoamor e do Hórreo, e evitar no futuro posibles retencións ou puntuais colapsos nos accesos viarios, como ten sucedido no pasado no contorno da Galuresa.

O Grupo Popular, a través da súa concelleira María Castelao, presentará unha pregunta no Pleno municipal de xaneiro para coñecer os estudos prospectivos realizados polo Concello, con anterioridade á aprobación definitiva dos proxectos de reforma das rúas Clara Campoamor e do Hórreo, para modelizar o comportamento do tráfico que se producirá nos arredores da estación intermodal e nas relacións de mobilidade do conxunto da cidade unha vez que se rematen definitivamente as actuacións nas ditas rúas e cales son as conclusións deses estudos respecto dos niveis de servizo e de intensidade de tráfico das principais vías nese ámbito.

Os populares lembran que proxecto construtivo da estación intermodal vai supoñer unha profunda transformación das relacións de mobilidade da cidade que deberían obrigar a desenvolver uns traballos e estudos previos, tanto para acertar co deseño e dimensionamento  das transformacións viarias a executar como para garantir a precisa axilidade e fluidez nos desprazamentos, non só vinculados coa intermodal senón tamén co tránsito pasante que discorre por ese ámbito nas distintas direccións.

Segundo expón María Castelao, “cabería supoñer que o Concello, que se está a encargar da remodelación das rúas de Clara Campoamor e do Hórreo, disporía dos seus propios estudos de mobilidade para coñecer os fluxos reais de tráfico en función dos itinerarios e das franxas horarias, para, en función deles fundamentar o previsible comportamento dos cambios a realizar, achegando unha maior certeza para evitar no futuro posibles retencións ou puntuais colapsos nos accesos viarios, como ten sucedido no pasado no contorno da Galuresa.”

A concelleira formula esta pregunta “ante os cambios de criterio do actual Goberno que asumiu a redución de velocidade de 50km a 30km e de catro carrís a tres -un deles exclusivo para autobuses e taxis- na Avenida Clara Campoamor; ou ante as indeterminacións manifestadas polo alcalde sobre o proxecto de reurbanización da rúa do Hórreo, na que se limita a velocidade a 10 km/h, sen aclarar o mantemento dos catro carrís existentes, fiando as decisións a adoptar ao comportamento do tráfico no futuro”.



Prazas para uso exprés na reurbanización do Hórreo


Os populares tamén se interesarán no Pleno pola incorporación de prazas de aparcamento por tempo limitado no deseño final da reurbanización da rúa do Hórreo no ámbito da estación intermodal, nas proximidades do Centro de Saúde “Concepción Arenal”. O proxecto para esta actuación vai afectar con distinta intensidade a dous tramos comprendidos entre os entronques coas  rúas Fernando III o Santo e Santiago León de Caracas e entre Santiago León de Caracas e a Avenida de Lugo, este último obxecto das obras de elevación da plataforma para aproximar a súa funcionalidade a unha praza peonil con circulación de vehículos limitada a 10 km/h.

Antes de rematar as obras e acometer os cambios, o Grupo Popular solicita que se Goberno municipal se contemple a posibilidade de incorporar no deseño final desta reurbanización un espazo reservado para, polo menos, dúas prazas de aparcamento exprés, vinculadas ao uso sanitario ou asistencial, para facilitar o acceso, principalmente de persoas de avanzada idade e con dificultades de mobilidade, ao Centro de Saúde existente nesa zona.

Comentarios