Afundación inaugura en Santiago a exposición «A Caza» do multipremiado Alberto Vázquez

Afundación inaugura en Santiago a exposición «A Caza» do multipremiado Alberto Vázquez
Afundación inaugura en Santiago a exposición «A Caza» do multipremiado Alberto Vázquez

A exposición, que se enmarca no proxecto «Cromática. III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea», xorde como proposta para celebrar o Día da Ilustración o vindeiro 30 de xaneiro

Afundación, a Obra Social de ABANCA inaugurou este xoves na súa sede de Santiago a exposición «A Caza», do autor de banda deseñada Alberto Vázquez, que vén de ser nomeado aos Premios Goya pola curtametraxe de animación Homeless Home, tras gañar este galardón en tres ocasións. A presentación da mostra organizouse no marco da celebración do Día da Ilustración o vindeiro 30 de xaneiro e de «Cromática. III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)», que se pode visitar tamén actualmente na Sede Afundación de Santiago. Na presentación aos medios, celebrada esta mañá, estiveron presentes Matilde Rodríguez, comisaria da MiiC e Ana Salgado, coordinadora da Sede Afundación de Santiago.

A mostra, que se poderá visitar ata o 27 de febreiro, está organizada pola Deputación da Coruña en colaboración con Afundación e ten comisariado de Jaime Oiza. O seu horario de apertura é de luns a venres, de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

«A Caza» presenta os 22 orixinais do cómic homónimo, gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca anualmente a Deputación da Coruña. Ambientado nunha contorna selvática, «A Caza» penetra na historia dun home primitivo que persegue un animal. Mediante unha narración chea de metáforas e unha gráfica que oscila entre a abstracción e a figuración, trátanse temas universais como o conflito entre ser humano e natureza, a contaminación ou a emigración.

As obras realizáronse coa técnica de sumi-e con tinta chinesa, técnica de pintura xurdida no século II en China, considerada «arte do esencial». En palabras do recoñecido historietista Albert Monteys, membro ademais do xurado do Premio Castelao de Banda Deseñada, Alberto Vázquez «sorpréndenos cun cambio de rexistro que remite aos clásicos da temperá novela gráfica, como Ward ou Masereel, pero que podería retrotraernos ata Altamira, ou ao relato dun chamán xunto ao lume. Un cómic atávico, poderoso, absorbente e musical».

ALBERTO VÁZQUEZ

Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), tras o éxito de cómics como Psiconautas ou El evangelio de Judas, labrouse unha consistente traxectoria de director de animación que lle levou a gañar tres premios Goya coas curtametraxes Birdboy e Decorado, e o de mellor película de animación pola adaptación de Psiconautas, distincións ás que se suma o seu recente nomeamento por Homeless Home na edición deste ano.

Os seus libros foron editados, ademais de en España, en Francia, Italia, Brasil e Corea. Así mesmo, as súas creacións audiovisuais obtiveron máis de 60 premios internacionais e exhibíronse en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, Toronto, Annecy, Clermont- Ferrand, Zagreb ou Park City (Slamdance). 

Comentarios