Propoñen que se reformule o Xacobeo para así fomentar a presenza dun turismo de calidade e proximidade

Propoñen que se reformule o Xacobeo para así fomentar a presenza dun turismo de calidade e proximidade
Propoñen que se reformule o Xacobeo para así fomentar a presenza dun turismo de calidade e proximidade

A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou unha proposición que levará ao vindeiro Pleno para crear unha comisión municipal do Xacobeo co fin de captar fondos doutas administracións e de reorientar os programas de turismo e de cultura.

“No BNG, á preocupación sanitaria alarmante en Santiago de Compostela únese situación dos sectores económicos no noso concello, algúns deles gravemente afectados pola crise, especialmente hostalaría, turismo e cultura”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa. Coñeceuse recentemente a extensión do Xacobeo do 2021 ao 2022, “algo que permite planificar a medio prazo e aproveitar para reorientar o modelo turístico, que debe ser unha oportunidade nese sentido”.

O grupo do BNG mantivo reunións nos últimos días con asociacións de hostalaría, do ámbito cultural, coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes, coa Asociación Galega de Guías Turísticos e cunha serie de colectivos que concordaron “en que temos que pór enriba da mesa novas fórmulas que aposten, fundamentalmente, por un turismo de calidade e de proximidade”, sinalou.

“Tanto a Xunta como o Concello carecen de ideas a medio prazo, van dando bandazos”, afirmou a portavoz nacionalista. Así, puxo como exemplo que hai dous días compareceu no Parlamento Nava Castro e asegurou que non sabía como ía ser o Xacobeo deste ano en canto á programación, “algo que nos parece surrealista, inaudito, porque hai semanas que se sabe que iamos estar nunha situación complicada e, ademais, hai que ter plan A e plan B nestes tempos de pandemia”. “É o que ten fiar todo ás actuacións macro que fai a Xunta de Galiza e así non teñen outro tipo de propostas que nós entendemos que son moito máis acaídas, como as de proximidade que axuden a todo o tecido social”, engadiu.

Tampouco aprecia que o Goberno local teña propostas para alén desas incluídas naquel documento de actuacións urxentes na contorna da Catedral, moitas delas prescindíbeis, algunhas delas con oposición popular e outras incluídas no Plan de Sustentabilidade Turística pero que non foron feitas en consenso co sector; foron elaboradas “de maneira precipitada e sen ter en conta o resto dos grupos da Corporación nin as necesidades nestes tempos de pandemia”, advertiu.

“Desde o BNG entendemos que é necesario destinar o diñeiro do Xacobeo para rescatar o sector turístico e cultural, afirmou Goretti Sanmartín, para facer que chegue a todo o tecido de Compostela como unha chuvia fina que faga resistentes os distintos sectores agardando á recuperación dos fluxos turísticos e da socialización do conxunto da poboación”, sinalou.

Por iso defende que se precisan actuacións conxuntas das administracións e unha posición esixente do conxunto do Concello fronte a Xunta e o Estado para conseguir reorientar e planificar o Xacobeo e saber en que se van investir eses millóns de euros previstos entre 2020 e 2022, polo que demandou información.

O BNG avoga por conseguir incrementar tanto as partidas da Xunta como do Estado para, a través do Consorcio da Cidade, ao abeiro do Xacobeo 2021-2022 ter partidas suplementarias e extraordinarias, xustamente, para desenvolver accións que teñan que ver con esta reactivación.

Deste xeito, incidiu en reformular a programación do Xacobeo para fomentar o turismo de proximidade e a contratación de artistas locais e galegos/as en conexión coa hostalaría e co turismo, con propostas de interese para coñecer a comarca de Compostela.

“Cómpre a creación dunha comisión especial do Xacobeo coa colaboración de todos os grupos da Corporación e coas asociacións e colectivos relevantes nos ámbitos cultural e turístico”, afirmou. “Para iso é necesario un orzamento específico e entendemos que, para alén dos 5 millóns que o Concello debera utilizar para un novo plan de reactivación económica e dos 3 que están no Plan de Sustentabilidade Turística dos que o Concello pon 1 millón, o lóxico sería que o Concello de Santiago dedicase 10 millóns de euros a estas actuación durante o 2021 e 2022, o que suporía un 5% do seu Orzamento anual”, explicou.

Para conseguir esas contías, Goretti Sanmartín propuxo usar fondos propios e remanentes dun Concello saneado, que ten sempre superávit constante, e tamén obter a dotación desas partidas extraordinarias para o Consorcio por parte da Xunta e do Estado e, ademais, para pagar os custos da Capitalidade que o alcalde non pode renunciar a demandar.

Comentarios
Lo más