Demandan melloras urxentes e reurbanizar a Corredoira das Fraguas

Demandan  melloras urxentes e reurbanizar a Corredoira das Fraguas
Demandan melloras urxentes e reurbanizar a Corredoira das Fraguas

Atendendo ás queixas da veciñanza, os populares propoñerán no Pleno a reparación do firme e as beirarrúas, medidas de seguridade e colectores para reciclaxe, entre outras accións

A situación de deterioro que presenta a rúa da Corredoira das Fraguas, na zona de San Pedro, fai que o Grupo Popular presente ante o Pleno da vindeira semana unha proposta para realizar unha serie de actuacións de urxencia que melloren as condicións de accesibilidade e de seguridade na calzada e nas beirarrúas, incluíndo a dotación de colectores para a recollida de plástico e papel.

Como complemento desta acción a curto prazo, propoñen tamén a contratación da redacción dun proxecto de reurbanización, que sirva de base para afrontar, cando as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha mellora integral desta rúa, continuando así cos traballos que se veñen realizando nos últimos anos no ámbito comprendido entre a rúa de San Pedro e Quiroga Palacios.

Na iniciativa, que xorde despois dunha visita realizada na compaña varios residentes que lle fixeron chegar as súas inquedanzas, o concelleiro José Antonio Constenla resume a situación sinalando que “a veciñanza da rúa da Corredoira das Fraguas comproba como día a día o seu acceso vai transparentando máis a súa orixe etimolóxica. Non o fai pola presenza de ningún  ferreiro que recupere a antiga tradición, senón polo aspecto de abandono que perciben no seu tránsito cotián.”. Entre as queixas que repiten os veciños -que lle fixeron chegar en varias ocasións ao Goberno local- destaca a necesidade de reparar urxentemente e de forma puntual as beirarrúas o estragado pavimento de chapacuña, para posteriormente mudalo “por outro máis resistente, seguro e menos ruidoso, do mesmo modo que se ten feito en gran número de rúas nos últimos anos”.

Outras demandas veciñais céntranse na mellora da seguridade –coa habilitación dalgún paso de peóns a maiores dos existentes e unha limitación da velocidade- e na dotación de colectores para plásticos e papel dos que carecen. Máis a medio prazo formúlase a necesidade dunha reurbanización que equipare a rúa coas melloras que se veñen realizando nos arredores  e que permita facer unha remodelación integral que substitúa os pavimentos e mellore a accesibilidade (marcada por unha edificación ruinosa no acceso desde Os Concheiros que solicitan que, canto antes e por seguridade, se inste ao seu arranxo e adecentamento), así como os servizos, entre eles as condicións de desaugamento que están a ocasionar alagamentos na calzada e supoñen unha ameaza para vivendas e garaxes.

Esta Corredoira das Fraguas, a pesar das súas limitacións xeométricas, soporta de forma habitual un considerable tránsito de peóns e vehículos como consecuencia da actividade que nesa zona xeran entidades como o colexio Vilas Alborada, o centro social da Trisca, a asociación veciñal A Xuntanza ou as moitas persoas que facendo o Camiño de Santiago acceden por esta rúa ao albergue do Seminario Menor de Belvís. Unha intensidade circulatoria que se ve acrecentada aínda máis na actualidade co tráfico procedente da reordenación motivada polas obras da rúa dos Concheiros.

Comentarios
Lo más