'A Baña en feminino', a iniciativa do Concello bañense para darlle visibilidade a muller rural en doce vídeo

'A Baña en feminino', a iniciativa do Concello bañense para darlle visibilidade a muller rural en doce vídeo
'A Baña en feminino', a iniciativa do Concello bañense para darlle visibilidade a muller rural en doce vídeo

Inaugurou este luns a serie a mestra xubilada Dolores Allo, co gallo da celebración do día Internacional da Educación

Un vídeo con declaracións da mestra xubilada Dolores Allo Davila inaugurou este luns a iniciativa ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello da Baña quere darlle visibilidade as mulleres rurais para reivindicar a igualde de xénero. Consistirá na publicación dun audiovisual ao mes ao longo deste 2021 e un acto de homenaxe as doce protagonistas en representación de todas as veciñas bañenses no 8M do vindeiro ano 2022.

Dolores Allo, natural e veciña da Castiñeira na parroquia de San Vicenzo e que foi mestra do CPI San Vincente, comeza esta serie coincidindo coa celebración onte, 24 de xaneiro, do Día Internacional da Educación.

No vídeo, de cinco minutos de duración, Dolores Allo fala das dificultades que tiñan que sortear rapazas e rapaces do rural para poder estudar ou do control que se exercía sobre as mozas cando entraban na adolescencia fronte á liberdade da que desfrutaban os mozos. “Os homes podían facer o que quixeran, mentres que as mulleres lles controlaban con quen se relacionaban e onde ían”, sostén. 

Dolores Allo comenta tamén os cambios sociais que permitiron que a muller fose acadando maiores cotas de independencia, e fai un chamamento para que se repartan as tarefas no fogar entre mulleres e homes. “Sobre estudos e relacións, penso que hoxe están equilibrados. Onde non están tanto é nas casas, onde os nenos fan menos ca as nenas. Pero tampouco os pais fan igual ca as nais. Si semella que nas parellas máis novas fan os dous tarefas. Creo que antes de convivir podían poñelo como condición”, sinala.

O proxecto A Baña en feminino continuará durante todo 2021 coa publicación na canle de Youtube e do Facebook do Concello doutros once vídeos, un por mes, nos que se lles dará voz a outras veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos.

O obxectivo final da iniciativa é visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna rural que aínda é predominantemente machista, así como promover a igualdade de xénero e propiciar a reflexión na sociedade sobre cal é a situación actual da muller.

Comentarios
Lo más