Bugallo, a favor de destinar o 1% do orzamento de todas as administracións a un fondo de rescate do sector hostaleiro e turístico

Bugallo, a favor de destinar o 1% do orzamento de todas as administracións a un fondo de rescate do sector hostaleiro e turístico
Bugallo, a favor de destinar o 1% do orzamento de todas as administracións a un fondo de rescate do sector hostaleiro e turístico

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou este martes que, desde o  Concello de Santiago, “contemplamos con satisfacción a proposta feita pola Deputación da Coruña”, para que todas as administracións galegas destinen este ano o 1% do seu orzamento a un fondo común de rescate do sector da hostalería e turismo. 

O rexedor espera que a Xunta de Galicia, “como administración competente na materia, e como administración que toma as decisións que xeran estas consencuencias”, dea exemplo “realizando alo menos unha aportación en termos económicos e en termos proporcionais aos seus orzamentos, semellante á do resto de administracións”.  

Sánchez Bugallo explicou que “o criterio manifestado polo concello de Santiago e por min mesmo como alcalde, é que todas as administracións públicas debemos acudir en socorro e axuda dos sectores economicamente máis afectados pola crise derivada da pandemia, e polas decisións que se están tomando para facer fronte a esta crise”. E recorda que “estamos destinando aproximadamente un 3% do noso orzamento para axudas directas” ao comercio, á hostalería e ao sector cultural. Desde este punto de vistá, paréceme que as demáis administracións deben facer un esforzo equivalente”. 

En concreto, o Concello de Santiago, en 2020, adxudicou axudas “por un importe total de 3.850.000 euros aos sectores afectados. E temos previsto neste momento, con cargo aos orzamentos de 2021 e á liquidación do orzamento de 2020, facer unha nova convocatoria para o mes de abril, inicialmente con outros dous millóns e medio de euros, previstos para axudas”, engadiu o alcalde. 

A proposta realizouna onte o presidente da Deputación da Coruña. Valentín González Formoso sinalou que a iniciativa “emula acordos históricos como o do 0,7% de axudas ao desenvolvemento” e defendeu que este “1% hostaleiro” é “proporcional e asumible” e permitiría crear un plan de rescate de máis 140 millóns de euros, fronte aos 50 millóns que propón o goberno galego. O presidente dos hostaleiros coruñeses, Héctor Cañete amosou o seu apoio á proposta, sinalando que “responde ao que vimos demandando: un plan de rescate para o sector”. 

Comentarios