Rois contará cun orzamento este ano de 3,7 millones de euros

Rois contará cun orzamento este ano de 3,7 millones de euros
Rois contará cun orzamento este ano de 3,7 millones de euros

Os presupostos contaron co voto favorable do PP e a abstención de PSdeG e BNG

O Pleno da Corporación de Rois aprobou  en sesión extraordinaria os presupostos para este exercicio, que ascenden a 3,7 millóns de euros, unha partida moi similar a do ano pasado. Nas contas increméntanse o gasto social e as axudas ás familias e redúcese o investimento en obras. Deste xeito, a partida de gastos en bens correntes e servizos que se prestan a veciñanza representan 1,88 millóns, e as inversión reais 390.000. Os orzamentos foron aprobados con 7 votos a favor do equipo de goberno (PP) e a abstención da oposición (PSdeG e BNG).

Durante o presente exercicio, o Concello de Rois recibirá a maior parte dos ingresos das transferencias procedentes doutras administración (1,96 millóns), mentres que os impostos e taxas supoñen algo máis do 42% dos ingresos (1,6 millóns de euros).

Con respecto ao ano pasado, aumenta o capítulo de gastos en bens correntes e servizos debido ao incremento das partidas destinadas ao programa que se vai poñer en marcha para fomentar a conciliación familiar e laboral entre os escolares do municipio, e tamén a un maior gasto nos servizos de limpeza e desinfección dos colexios por mor da covid-19.

O capítulo de transferencias correntes tamén medra con respecto ao presuposto do ano pasado. Os 238.600 euros desta partida destinaranse a pagar a atención benéfico-asistencial á veciñanza, os programas de becas, cultura e deportes, ademais da escola infantil de Rois e o centro de día de Urdilde. O incremento deste capítulo está motivado polo emprego da maior parte do plan POS+ Adicional da Deputación en axudas ás familias e porque se reserva unha partida de fondos propios do Concello para pagarlle as subvencións aos empresarios e autónomos que non puideron recibir as axudas do PEL Reactiva da Deputación, que non tiña fondos suficientes para facer fronte a todas as peticións.

O montante destinado a obras (inversión reais) redúcese este ano respecto a 2020 para dotar con máis fondos ás partidas destinadas a gasto social e a axudas ás familias.

No debate, tanto BNG como PSdeG preguntaron pola municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e se está dotada suficientemente esta partida. Na resposta, dende intervención adiantouse que a previsión é que a empresa que colabora co concello siga facturando durante os primeiros catro meses do ano, e que a partir de maio, as traballadoras da empresa que prestan servizo en Rois se incorporen ao cadro de persoal municipal.

A oposición tamén se interesou pola adquisición de dúas fincas, unha delas no entorno do colexio dos Dices. O alcalde explicou que é para intentar trasladar a esta zona a escola infantil A Galiña Azul e poder ampliar as prazas coa que conta agora mesmo, que son insuficientes para atender a demanda. “A nosa intención é poder concentrar tanto a escola infantil coma o colexio na mesma zona”, explicou o alcalde, Ramón Tojo. Tamén está previsto comprar outra finca preto da igrexa de Seira para ampliar espazo municipal nesa zona.

Na sesión tamén se aprobou a conta xeral de 2019, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSdeG.

Comentarios
Lo más