Máis de 1.500 persoas seguiron a campaña 'Compostela Somos Cultura' na súa primeira edición

Máis de 1.500 persoas seguiron a campaña 'Compostela Somos Cultura' na súa primeira edición
Máis de 1.500 persoas seguiron a campaña 'Compostela Somos Cultura' na súa primeira edición

Durante os tres meses que a campaña online de promoción da vida cultural de Compostela e comarca 'Compostela Somos Cultura' estivo en funcionamento, máis de 1.500 persoas seguiron as súas diversas redes sociais. Ademais, preto de 600 participaron nos diferentes sorteos que se celebraron durante a mesma e foron case 6.000 as visualizacións dos vídeos lanzados. Desde a organización posta en marcha pola Oficina de Promoción Económica dependente de Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela e desenvolvida pola empresa Mada Producións coa dirección artística do músico Xacobe Martínez Antelo, valoran "moi positivamente" a acollida da mesma por parte da cidadanía.

Desde o mes de decembro ata a altura, os organizadores viron que, entre o Instagram, Youtube, Facebook e Twitter, foron máis de mil cincocentas as persoas que seguiron a campaña e preto de 600 participaron nos sorteos, tanto nos semanais coma no final, valorado en 250 euros. Un total de 24 comercios de toda a cidade, así coma espazos culturais e deportivos da capital galega foron escenario das compras para os packs a sortear, así como para a realización dos vídeos, diversas postas en escena, micro recitais poéticos, improvisacións musicais e pictóricas e outras manifestacións artísticas que as e os composteláns puideron gozar desde as súas casas todas as semanas.


Co obxectivo de "revitalizar" a actividade dese sector "tan afectado" pola pandemia debido á Covid-19 como é o da cultura, esta campaña de promoción procurou "dar visibilidade á cidadanía practicando o seu consumo", ben asistindo a unha exposición, ao cinema ou calquera outra manifestación cultural e recollendo a súa acción cultural nunha foto que podían enviar, ademais de participaren nos sorteos semanais e final. A acollida por parte das e dos usuarios foi "excepcional" e "con moito feedback nos comentarios das redes", afirman desde a organización, xa que foron varias as persoas que deixaron constancia de canto as divertían os microeventos propostos, así como outras daban conta da descoberta que lles supuña o veren as e os artistas protagonistas das fotos e vídeos en todos os seus formatos, por nomear só algunhas das reaccións.

Máis de 50 novas empresas na base de datos 'Escaparate Virtual'
Posta en marcha esta campaña pola Oficina de Promoción Económica dependente de Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela, no marco do Programa 'Compostela Móvese 2020 Covid19', dende a organización afirman que "a cultura local compostelá precisa do noso apoio agora e sempre". Neste sentido, se ben a parte dirixida ás redes sociais tivo grande éxito, a centrada no tecido empresarial, medrou tamén con respecto ao inicio da mesma.

Así, a base de datos chamada Escaparate Virtual de Cersia Empresa creada co obxectivo de "visibilizar ao público o tecido cultural e empresarial vencellado a ela que existe na capital galega", incrementou en máis de 50 as empresas do sector cultural inscritas. Os organizadores lembran que todas as empresas compostelás que o desexen poden aínda solicitaren a súa inclusión nesta base de datos de xeito gratuíto. Así, "a cidadanía terá a un click" un listado actualizado de artistas, espazos culturais e empresas do sector, explican. 

Comentarios
Lo más