Moción para mellorar os servizos e espazos públicos en Meixonfrío

Moción para mellorar os servizos e espazos públicos en Meixonfrío
Moción para mellorar os servizos e espazos públicos en Meixonfrío

Obras de seguranza viaria, saneamento, recollida de lixo e coidado dos xardíns únense á necesidade de humanización do Camiño de Santiago en Meixonfrío, Mallou e Salgueiriños

O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción coas demandas a asociación veciñal Casa Agraria para a mellora dos espazos públicos e servizos básicos en Meixonfrío e para instar a Xunta de Galiza á humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polos barrios de Meixonfrío, Mallou e Salgueiriños.

Santiago de Compostela precisa dotar os barrios de espazos de lecer e, nese sentido, a veciñanza de Meixonfrío reclama desde hai tempo que se realicen as xestións necesarias para o acondicionamento dunha parcela de titularidade municipal de 11.000 m2 para usos múltiples, coa dotación de instalacións deportivas e sociais, ademais dun parque xerontoinfantil, de xeito que sirva para maiores e crianzas.

O Concello ten pendente tamén asumir os gastos de mantemento do local veciñal da Casa Agraria, como acontece nos que son de titularidade municipal. Nesta mesma situación están os de Aríns, Vista Alegre e o Eixo, o que supón unha diminución na capacidade económica destas asociacións que reclaman a igualación coas demais.

En canto á seguranza viaria, demandan a reurbanización, con beirarrúas e mellora na pavimentación, da rúa de Mallou e a abertura do viario entre a rúa da Nogueira e a rúa de Mallou. É necesario facer obras de asfaltado na rúa do Corgo, Porróns, Lindeiro, avenida de Asturias e praza de España. Ademais, faise necesario o acondicionamento de Forniños, pois carece de beirarrúas e canaletas, e o mesmo acontece no camiño dos Vilares e na rúa de Mallou de Abaixo (Cancelas-Amio) que precisan un plan de mantemento para evitar fochancas, arranxo de beirarrúas en mal estado e recuperación de lavadoiros e fontes abandonadas, que son patrimonio tradicional. É necesario rematar as beirarrúas na rúa de Tabaniscas, acondicionar a entrada da N-550 á altura do polígono, así como as beirarrúas e os pasos de peóns entre os polígonos empresariais.

Representantes veciñais advirten tamén de carencias nos servizos de auga, recollida de lixo e mantemento de xardíns públicos, así como do estado deficiente dos autobuses. Así, son necesarias obras de saneamento no Camiño dos Vilares e na Agra de Arriba.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicitará do Pleno da Corporación municipal un acordo para que se realicen as xestións necesarias para a mellora dos espazos públicos e servizos básicos en Meixonfrío e para instar a Xunta de Galiza á humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polos barrios de Meixonfrío, Mallou e Salgueiriños.

Comentarios
Lo más