A fagotista galega Mª José Rielo, membro da Orquestra Simfònica del Liceo de Barcelona, impartirá clases a xoves músicos

A fagotista galega Mª José Rielo, membro da Orquestra Simfònica del Liceo de Barcelona, impartirá clases a  xoves músicos
A fagotista galega Mª José Rielo, membro da Orquestra Simfònica del Liceo de Barcelona, impartirá clases a xoves músicos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Ademais de alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos externos ao centro.

A vindeira semana contarase coa presenza da fagotista galega Mª José Rielo, o día 26 de febreiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde.

Profesora no Conservatorio Superior de Música del Liceo


Natural de Lalín, a fagotista Mª José Rielo é profesora no Conservatorio Superior de Música del Liceo, membro da Orquestra Simfònica del Gran Teatro del Liceo e primeiro fagot convidado da Orquestra de Cámara de Múnic. Comezou os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Lalín, rematando o grao superior no Conservatorio Superior del Liceo en Barcelona. Realizou os seus estudos de Máster en Alemaña, na Universidade de Música e Teatro de Múnic.

Foi membro de numerosas orquestras xoves como a Xove da Sinfónica de Galicia, Jove Orquestra Nacional de Catalunya, Xove Orquestra dos Países Baixos ou Xove Orquestra Gustav Mahler, entre outras. Ten colaborado con moitas agrupacións, baixo a batuta de grandes mestres como Claudio Abado, Mariss Jansons ou Pavo Järvi, entre outros. Ten tocado en salas de Europa e Asia como a Musikverein de Viena, Filharmónica de Berlín, Concertgebouw de Ámsterdam, BBC Proms en Londres, Herkulessaal de Múnic, Teatro dos Campos Elíseos en París, Suntory Hall en Tokio ou no Zaryadye de Moscova.

Entre os galardóns que recibiu destaca o primeiro premio no concurso “Premios Extraordinarios del Liceo 2010”, foi semifinalista no “Certame Internacional Aeolus 2012” en Düsseldorf e conseguiu o terceiro premio no prestixioso “ARD International Music Competition 2013” celebrado en Múnic. Imparte clases maxistrais de fagot e música de cámara por toda a xeografía española.

Comentarios
Lo más