Solicitan melloras nas canalizacións de auga e arquetas de Mallou

Solicitan melloras nas canalizacións de auga e arquetas de Mallou
Solicitan melloras nas canalizacións de auga e arquetas de Mallou

Esta petición busca que se instalen uns tubos que cubran as canles existentes ao aire libre permitindo así a nivelación do terreo, co que se podería ampliar espazo para que os peóns poidan circular cunha mínima comodidade e seguridade 

O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario un rogo para que o Goberno local leve a cabo, dentro das prioridades de actuación en materia de seguridade viaria, a mellora das canalizacións de augas da rúa de Mallou e das arquetas existentes, co fin de facilitar o tránsito peonil e reducir as molestias que están a sufrir os usuarios da vía.

Os Populares denuncian que a veciñanza da rúa Mallou, na zona do Meixonfrío, vén padecendo desde hai anos a incomodidade dunha vía na que o tránsito de peóns resulta moi dificultoso e exposto, como consecuencia da solución adoptada á hora de realizar a canalización das augas pluviais.

A petición deste Grupo Municipal pretende que se realice unha actuación, que podería ser asumida, sen maiores custos, instalando unha tubaxe para cubrir as canles existentes ao aire libre permitindo así a nivelación do terreo, co que se podería ampliar o escaso espazo para que os peóns poidan circular cunha mínima comodidade e seguridade.

Dita mellora resulta de especial interese nos case 200 metros inicias da rúa, desde o seu entronque coa rúa do Cruceiro da Coruña, tramo no que maioritariamente non hai beirarrúa nin sequera beiravía, tal e como se pode apreciar nas imaxes que se acompañan. Ademais, as canalizacións ao aire existentes nese tramo constitúen un perigo, tanto para os vehículos como para as persoas que deben camiñar pola calzada.

Os Populares subliñan que o desexo do seu grupo, como é lóxico, pasaría por que se realizase unha mellora integral desta vía, en consonancia con outras reurbanizacións que se están a realizar noutras zonas do Concello, pero mentres tanto solicitan unha pequena e xusta adecuación da rúa para facilitar o tránsito das persoas, proporcionando unha maior seguridade, ao tempo que se acomoden as arquetas para evitar o ruído ocasionado polo paso dos vehículos.

Comentarios