Xunta e Concello do Pino colaboraron para renovar o parque infantil do Souto

Xunta e Concello do Pino colaboraron para renovar o parque infantil do Souto
Xunta e Concello do Pino colaboraron para renovar o parque infantil do Souto

O parque infantil do Souto contou para a súa renovación cun orzamento de 48.420 euros, financiados nun 80% pola Vicepresidencia da Xunta e nun 20% polo consistorio

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e a directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto, visitaron esta mañá o parque infantil do Souto, no que se acometeu unha fonda obra de renovación. Con esta área, destinada a menores de tres anos, son xa catro as infraestruturas deste tipo das que pode gozar a veciñanza de Arca. 

A posta ao día destes espazos de lecer é "unha mostra da aposta do Concello pola calidade de vida dos máis pequenos e polas actividades ao aire libre", afirmou Taboada, que chamou á cidadanía a "usalos, desfrutalos e coidar deles o máximo posible". O parque infantil do Souto contou para a súa renovación cun orzamento de 48.420 euros, financiados nun 80% pola Vicepresidencia da Xunta e nun 20% polo consistorio. O conxunto de actuacións realizadas neste espazo de preto de 300 m² consistiu na renovación dos equipamentos de xogos para os máis pequenos e na instalación de pavimentación de seguridade adecuada. 

“É de agradecer a boa disposición da dirección xeral de Administración Local á hora de acometer este investimento”, destacou o alcalde do Pino, que tamén desexou que “este clima de colaboración se manteña e se poidan levar a cabo outras demandas realizadas polo goberno local”. Tamén a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, puxo énfase na importancia desta cooperación entre a administración autonómica e local, “que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza”. 

Neste momento, Arca conta con catro áreas de recreo infantís, dúas na praza de Forcarei, outra na praza do Concello e a do Souto. Nestes momentos estanse a executar as obras para cubrir o parque infantil situado a carón da escola infantil A Galiña Azul, na praza de Forcarei, presupostada en 89.600 euros, que mellorará as condicións para que a cativada poida seguir gozando das instalacións tanto os días de moito sol como os de choiva. Está previsto que quede rematada en marzo. 

Comentarios
Lo más