Preséntase o número cinco da revista de estudos rosalianos Follas Novas

Preséntase o número cinco da revista de estudos rosalianos Follas Novas
Preséntase o número cinco da revista de estudos rosalianos Follas Novas

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentaron esta semana o número cinco da revista "Follas Novas. Revista de estudos rosalianos", unha publicación que destaca, segundo Angueira, "polo seu rigor científico", e tamén polo seu carácter investigador e divulgativo, e porque, en opinión de Mercedes Rosón, difunde un contido cultural "que sintetiza esa homenaxe" á escritora, á súa obra e "ao que representa para a nosa literatura".

Dirixida por Xosé Luís Axeitos, contén nas súas 195 páxinas distintos artigos culturais, entre eles "Rosalía de Castro, póstuma"; "Emilia Pardo Bazán. Notas para un debate necesario"; ou "Rosalía de Castro nas artes visuais. Mitificación e rostrificación da imaxe fotográfica". Tamén inclúe unha sección de documentación na que destaca unha carta inédita de Manuel Murguía a Rosalía de Castro, así como outros textos, bibliografía e fotos da escritora.


Para Anxo Angueira "non imos acabar de investigar a Rosalía de Castro. Sempre van aparecendo cousas ou perspectivas de análise novas e iso dinos que Rosalía está viva. A Fundación o que fai é canalizar esas investigacións e inquedanzas e darlle saída a través dunha revista". Esta publicación pódese adquirir na propia fundación ou descargar na web follasnovas.rosalia.gal/a-revista/. Segundo destacou Angueira, "a difusión do saber e da investigación ten que ser universal, aínda que non renunciamos ao papel, unha canle tamén axeitada para a divulgación".

Anxo Angueira destacou "os dous espazos que unen a Rosalía, Padrón e Santiago", e agradeceu que o concello compostelán "apadriñase este número cinco" da revista, que se edita cunha frencuencia anual.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro e a concelleira Mercedes Rosón lembraron que mañá é o día de Rosalía, e que ás 11:00 h está prevista unha ofrenda floral na Praza de Vigo, no lugar onde estaba situada a casa na que naceu. Porque, como reiterou Angueira, "Rosalía está viva, na sociedade, para investigación, na rúa, na escola, nas academias, nas institucións…" Para a concelleira, "a Rosalía de Castro, hai que reivindicala e celebrala todos os días. Cada día descubrimos cousas novas sobre ela. E temos que transpasar eses perfís múltiples que ten" ás novas xeracións "porque ela é eterna". 

Comentarios
Lo más