Nova xuntanza coas asociacións de comerciantes para sentar as bases da terceira convocatoria de axudas ao sector

Nova xuntanza coas asociacións de comerciantes para sentar as bases da terceira convocatoria de axudas ao sector
Nova xuntanza coas asociacións de comerciantes para sentar as bases da terceira convocatoria de axudas ao sector

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse esta mañá de novo, tralo encontro celebrado o pasado 9 de febreiro, coas asociación de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede, Fundación Santiago Centro, e Ourives de Compostela, co obxectivo de pechar as bases do terceiro plan de reactivación económica para os sectores que máis de cerca están padecendo as consecuencias das medidas restritivas ditadas para frear a pandemia, neste caso o comercial.

Nesta xuntanza, o alcalde presentoulles ás asociacións o borrador das bases da nova convocatoria, que inclúe a petición realizada polo colectivo na xuntanza anterior de destinar o montante global a financiar gasto corrente. Incialmente estaba previsto destinar 500.000 euros a estas axudas directas e 400.000 euros a investimentos, pero as asociacións solicitaron empregar todo o orzamento a sufragar o primeiro dos conceptos. O alcalde informounos de que se poderá facer aínda que será preciso que o pleno da Corporación aprobe ese cambio de destino. A contía final podería, así mesmo, verse incrementada no caso de que algún dos beneficiarios da anterior convocatoria non consiga xustificar o cumprimento dos requisitos. "Esas axudas, polo tanto, non se perderían, senón que se incorporarían a esta nova convocatoria", apuntou Sánchez Bugallo.


Esta nova proposta de bases que, segundo indicou o rexedor,"irá en paralelo coas da Xunta" para facilitar a tramitación, vinculará as axudas á reducción de vendas no 2020 e ao número de postos de traballo de cada comercio. Así mesmo, primará a aqueles que non percibiron axudas nas anteriores convocatorias.

22 de marzo
A previsión municipal é lanzar esta nova convocatoria o vindeiro 22 de marzo e abrir a partir desa data un prazo de dúas semanas para a solicitude das axudas. Antes diso,dentro de quince días, haberá unha terceira xuntanza coas asociacións para que "nos presenten as súas propostas de modificación" deste borrador.

Terceira convocatoria

Ademais dos 900.000 euros en axudas directas ao comercio, esta convocatoria contempla 300.000 euros para sufragar bonos ao consumo, que beneficiará tanto ao sector comercial como ao hostaleiro, que á súa vez contará con 700.000 euros para financiar o gasto corrente. En total, sumando tamén os 450.000 euros previstos para as empresas culturais, esta terceira convocatoria de axudas ascende a 2,5 millóns de euros. 

Comentarios
Lo más