A Xunta promove ata xuño 12 actuacións escénicas e musicais en Ames

A Xunta promove ata xuño 12 actuacións escénicas e musicais en Ames
A Xunta promove ata xuño 12 actuacións escénicas e musicais en Ames

Os espectáculos de teatro e de danza previstos desenvolveranse nas casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns

A Xunta promove ata xuño 12 actuacións escénicas e musicais en Ames, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións de teatro, música e danza organizadas en colaboración co Concello desenvolveranse nas casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en Cultura de Galicia.

Así, este venres terá lugar o concerto de Uxía na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste mesmo espazo, o venres 5 de marzo exhibirase a peza Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, que trata sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. Pola súa banda, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle tamén o 5 de marzo a obra Mai Mai, de Baobab Teatro, dirixida ao público familiar. Nela abórdase a loita por sobrevivir do último oso panda do planeta, nunha historia tenra e divertida onde se mestura o amor, a cobiza, o éxito e a concienciación ambiental.

A música volve ao Milladoiro o 12 de marzo, co espectáculo para a cativada Percubebés, de Almanaque Musical. En abril, o día 9 representarase A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, e o 30 a danza será protagonista, coa coprodución do Centro Coreográfico Galego Pink Unicorns, de La Macana. Xa en maio, o día 7, será a quenda de Talía Teatro, con Voa, voa!, dirixida ao público familiar.

Pola súa banda, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá os días 26 e 27 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Teatro, senllas funcións de Mocos, de Contraproducións. En abril chegará a danza a este espazo con Catro, de Caramuxo Teatro, o día 16, dirixida ao público familiar. O día 23 representarase O montacargas, de Ainé Teatro, e o 7 de maio, Liberto, de Rebordelos.

Comentarios