Frades aproba os seus orzamentos para 2021

Frades aproba os seus orzamentos para 2021
Frades aproba os seus orzamentos para 2021

Os orzamentos ascenden a 2.467.645 euros, un 15,94% máis co exercicio anterior, e contemplan 350.000 euros para a creación dun centro sociocultural en Ponte Carreira

O pleno municipal de Frades aprobou os Orzamentos para 2021, que ascenden a 2.467.645,46 euros e que “garanten a eficacia na xestión, o equilibro de contas, o pago a provedores e incrementan a inversión en obras e en servizos sociais a través das achegas á Mancomunidade de Ordes”, segundo explicou Roberto Rey Martínez, alcalde de Frades.  Unhas contas que saíron adiante cos 7 votos a favor do Grupo de Goberno do PP e as 4 abstencións de PSOE e BNG.

Os orzamentos do Concello de Frades para 2021 preséntanse equilibrados e ascenden a 2.467.645,46 euros, un 15,94% máis ca en 2020 (2.135.721,06 €). Dúas das partidas que máis medran con respecto ao ano anterior son as destinadas a gasto social (+54,56%) e investimentos reais (+37,41%). Así, o alcalde sinalou que “este ano aumentaremos as axudas ás asociacións sen ánimo de lucro no municipio, as achegas á Mancomunidade de Ordes para a prestación dos servizos sociais así como as achegas para participar nun novo obradoiro de emprego e para financiar a achega municipal a un segundo plan PEL-Reactiva de axuda a microempresas e persoas autónomas. Unha achegas que se poden aumentar dependendo da evolución da pandemia”.

Así, o Concello de Frades destinará 300.289,9 euros á Mancomunidade de Ordes para o financiamento do servizo de axuda a domicilio, nas modalidades de libre concorrencia como de dependencia, atención temperá, igualdade, CIM, traballo social… Así mesmo, súmanse os 112.502,68 euros do POS+ Adicional destinado a financiar gastos sociais extraordinarios como medidas de atención a persoas especialmente vulnerables, eliminación de barreiras arquitectónicas no interior dos fogares e adaptación funcional das vivendas de persoas vulnerables.

Unhas achegas ás que haberá que sumar tamén a partida correspondente a gastos sociais do capítulo II de gasto corrente, que medra un 2,76% ata os 995.011,66 euros e que, ademais dos tradicionais investimentos en mantemento do alumeado público, saneamento e abastecemento de auga, recollida de lixo e limpeza viaria, inclúe tamén o financiamento dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuíta a domicilio para as persoas maiores e dependentes.

Medra a inversión: o centro sociocultural

As contas de 2021 inclúen tamén 851.824,87 euros para investimentos reais, unha partida que medra un 37,41% con respecto a 2020 e que representa o 34,51% do orzamento. Ademais de cubrir as tradicionais subvencións que se reciben anualmente (turismo, fondo de compensación ambiental, Plan Hurbe, Plan de Camiños Rurais ou do IDAE para o cambio de alumeado público a tecnoloxía LED), este ano destaca unha partida de 350.000 euros para a construción do centro sociocomunitario de Ponte Carreira.

Este centro sociocomunitario é froito dun convenio asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social, que achegará 200.000 euros a un proxecto que dará servizo a todos os veciños e veciñas do municipio, pero que prestará especial atención ás persoas maiores de sesenta anos. Neste local, a veciñanza poderá ter acceso a todos os servizos que xa presta o Concello de Frades (podoloxía, fisioterapia) así como facer todo tipo de actividades (ximnasia de mantemento…). A diferenza dun centro de día, que só está aberto a dependentes de grao 2 ou 3, o centro de Frades estará aberto a todas as persoas maiores do municipio.

O Concello de Frades destinará 96.714,85 euros do POS+2021 á financiación de dous proxectos: mellora do viario nos accesos a Tarrío (Papucín) e outros (que inclúe o arranxo de 8 pistas do municipio: mellora do viario nos accesos a Tarrío, mellora do viario nos accesos a Devesa, Vilar e á igrexa de Galegos; mellora dos viarios de acceso ás pistas da Panica ao Carballal e da Camposa ao Covelo, así como a sendas pistas en Asemonde e O Ar); e a mellora do viario da pista AC-524 a Ponte Carballa (Abellá). Tamén se contempla un Plan Complementario orzamentado en 203.216,52 euros para a mellora do camiño da AC-524 (Abellá) e Vilar de Arriba (Frades), que inclúe tamén o arranxo do camiño de San Mauro a Cachada (Frades).

Finalmente, o capítulo de gastos de persoal ascende un 2,58% ata os 419.517,25 euros. “As retribucións do persoal medrarán un 0,9%, mentres que non haberá ningún incremento nos soldos políticos, que se manteñen nos aprobados en 2019”, apuntou Roberto Rey

Non incremento de taxas

No que atinxe aos ingresos, o alcalde de Frades explicou que “as ordenanzas e taxas quedan un ano máis conxeladas, nin sequera se incrementarán o IPC e manteremos as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naqueles inmobles onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario”. Así, as previsións de ingresos por taxas municipais é de 219.434 euros, un 17,41% menos que en 2020. “Manteremos tamén a redución da taxa do lixo, trasladando a redución que nos fai a Xunta pola boa separación do lixo e que nós trasladaremos aos veciños e veciñas de Frades”, apuntou Roberto Rey.

Por outra banda, os ingresos por impostos indirectos como o ICIO mantéñense en 54.000 euros (mesma cifra ca en 2020) e os impostos directos (IBI, IAE, Vehículos) aumentan un 1,07%, de 381.000 a 386.018 euros.

Debate plenario

No debate plenario, o voceiro do PSOE, Enrique Astray, xustificou a súa abstención en que “falta o empuxe de reactivación económica que se merecen os orzamentos este ano”, ao que o alcalde de Frades lle lembrou que “nós nunca nos negamos a que presentedes calquera proposta, pero ata o de agora non se presentou nada nin para o POS nin para os Orzamentos”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Manuel Míguez, recoñeceu que “hai cousas que están ben pero boto en falta ideas creativas e innovadoras” e indicou que “o centro sociocomunitario de Ponte Carreira, que leva tantos anos parado, é aprazable para facer outras cousas”. Unha afirmación desmentida polo alcalde, quen lembrou que “o convenio xa está subscrito e non se pode aprazar. Teríamos que renunciar á subvención e aceptar a posibilidade de que cando queiramos retomar o proxecto xa non haxa ese tipo de axudas”.

Así mesmo, Roberto Rey lembroulles aos membros da oposición que os orzamentos non son un documento pechado: “hai partidas que ao mellor non se executan e ao longo do ano se farán modificacións de crédito que se poden destinar para axudas a autónomos e pequenas empresas, sempre cumprindo a legalidade e indo da man da Xunta e da Deputación da Coruña”.

Finalmente, o alcalde tivo palabras de especial agradecemento ao tesoureiro municipal e o seu equipo por seren quen de facer estes orzamentos sen a axuda dunha secretaria-interventora, posto que se agarda poder volver a cubrir a partir do vindeiro mes de marzo.

Obradoiro

Onde si houbo unanimidade foi á hora de apoiar á solicitude á Xunta de Galicia dunha subvención de 346.946 euros para o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual “Brañas do Illó-Río Samo IV” para 2021, en colaboración cos concellos de Mesía e Ordes, entidade encargada da súa xestión. Un proxecto orzamentado en 400.667 euros e que formará a 20 persoas desempregadas (10 de Ordes, 5 de Frades e 5 de Mesía) nas especialidades: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas; e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

No caso de Frades, este obradoiro permitirá realizar traballos de roza manual, mantemento das áreas recreativas municipais, plantación de novas árbores autóctonas e aplicación de tratamentos fitosanitarios nalgunhas parcelas. Entre outras áreas, contémplanse actuacións nas áreas recreativas de Ponte Carballa (Abellá), Os Pasos (Aiazo), A Presa (Gafoi), San Nicolau (Mesos) e O Muiño (Céltigos), así como o punto limpo de Frades-Mesía, a finca da piscina municipal de Papucín e as prazas municipais de Moar, Papucín e Ponte Carreira, entre outras.

Comentarios