Reclaman que na vindeira convocatoria de comedores se adianten os fondos para os gastos das ANPA

Reclaman que na vindeira convocatoria de comedores se adianten os fondos para os gastos das ANPA
Foto de arquivo
Reclaman que na vindeira convocatoria de comedores se adianten os fondos para os gastos das ANPA

As ANPA están nunha situación límite ao afrontar 6 meses do gasto correspondente ás bolsas de comedores que ten que sufragar o Concello


O grupo municipal do BNG advirte da situación creada polo Goberno local ao atrasar o pagamento das bolsas de comedor escolar ás ANPA que os xestionan de xeito directo e reclama que na vindeira convocatoria se inclúa un cambio nas bases cun adianto de fondos para asumiren os gastos deste importante labor co fin de evitar que se produza de nova esta situación no futuro ao inicio de cada curso escolar.

De feito, segundo tivo coñecemento o BNG, na ANPA do CEIP López Ferreiro veñen de recibir ese pagamento con 6 meses de atraso, co que tiveron que adiantar fondos desde o mes de setembro para poder sufragar os gastos deste servizo público escolar. Neste centro, case 1/3 dos nenos e nenas usuarias de comedor son bolseiros/as, co que se atoparon nunha situación límite e sen cartos suficientes para afrontar o custe deste servizo. Cómpre ter en conta que as ANPA que xestionan os comedores asumen o pagamento de todas as nóminas das traballadoras do comedor, teñen que asumir  impostos e Seguridade Social, xunto co pagamento a provedores de proximidade.

Esta delicada situación mesmo provocou que se cuestionasen seguir sendo entidade colaboradora do Concello nas bolsas de comedor ou de actividades extraescolares no vindeiro curso, xa que os repetidos atrasos nos últimos anos no pago fan inviábel a súa supervivencia ao tratarse dunha entidade sen ánimo de lucro.

De feito, as ANPA son asociacións de familias que asumen a responsabilidade de atender necesidades de conciliación que a administración non asume e, advirten que esta situación económica lles xera numerosos problemas e preocupacións que non teñen que padecer se o Concello realizase de xeito eficiente a súa parte da xestión.

Para evitar que se repita esta situación, o BNG defenderá que nas bases da convocatoria de bolsas do curso próximo se introduza un xeito para o pagamento por adiantado dos fondos municipais que evite esta situación desesperada para a supervivencia das ANPA, xa que están a desenvolver un labor importante que é competencia fundamental da Xunta en colaboración co Concello de Santiago.

Comentarios
Lo más