Véndense 350 tarxetas bono no primeiro día da campaña Merc@mes

Véndense 350 tarxetas bono no primeiro día da campaña Merc@mes
Véndense 350 tarxetas bono no primeiro día da campaña Merc@mes

As tarxetas bono están á venda na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11:00 a 13:30 horas, e de 17:00 a 19:30 horas. No Milladoiro poderanse adquirir polas mañás, entre as 11:00 e as 13:30 no local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19. Polas tardes venderanse na rúa Viorneira, número 1, no local da Asociación Palmira Boulevard, entre as 17:00 e as 19:30 horas

Este luns, 1 de marzo, comezou a desenvolverse a campaña de tarxetas bono Merc@mes. Despois duns atrancos alleos ao Concello, que ocasionaron que non se puideran cargar os TPV das tarxetas bonos, solucionouse dito problema e comezou a venda da tarxetas a moi bo ritmo. Deste xeito, durante o primeiro día de campaña vendéronse 350 tarxetas bono (55% de 100 euros e 45% de 50 euros). En total, facturáronse uns 16.000 euros e xerouse un valor de negocio de preto de 30.000 euros.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que algunhas das persoas que adquiriron a súa tarxeta bono xa comezaron a facer uso dela. Esta campaña vai permitir fomentar as compras no comercio local de Ames, pero ademais vamos a dispoñer de información sobre os establecementos comerciais nos que a veciñanza de Ames fai máis gasto. Saberemos aqueles sectores comerciais nos que a veciñanza fai máis compras. Isto é fundamental para desenvolver futuros proxectos e programas neste eido”.  

Cómpre lembrar que a campaña desenvolverase en dúas fases. A primeira fase desenvólvese do 1 de marzo ao 1 de maio. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local pode mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagan 30 euros e se obteñen 50€ para gastar, e outro que custa 60 euros e ten un valor á hora de realizar as compras de 100€. Cómpre destacar que tanto a adquisición das tarxetas como a realización das compras con ditas tarxetas pódese realizar exclusivamente en estes dous períodos.

Características das tarxetas bono Reactiva Ames
A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames pon ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda do 40% do valor da mesma. O Concello de Ames pon ao dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 3.000 tarxetas que funcionan como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).

Estas tarxetas poderán ser utilizadas tamén en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames. O Concello de Ames cofinancia dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:
    • 2.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achega 20 euros e a persoa beneficiaria achega 30 euros.
    • 1.000 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achega 40 euros e a persoa beneficiaria achega 60 euros.

Poderase mercar unha tarxeta bono de cada tipo
A axuda do Concello de Ames é do 40% do valor da tarxeta-bono solicitada pola persoa beneficiaria. Cada persoa pode solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo; é dicir, cada persoa poderá adquirir como máximo unha tarxeta bono de 50 € e unha tarxeta bono de 100 euros.

Como obter as tarxetas bono
Calquera persoa maior de idade, non ten porque ser residente no concello de Ames, pode adquirilas, presentando o DNI que acredite que é maior de idade. As tarxetas bono están á venda na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11:00 a 13:30 horas, e de 17:00 a 19:30 horas. No Milladoiro pódense adquirir polas mañás, entre as 11:00 e as 13:30 no local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19. Polas tardes véndense na rúa Viorneira, número 1, no local da Asociación Palmira Boulevard, entre as 17:00 e as 19:30 horas.

170 establecementos adheridos á campaña
170 establecementos comerciais adheríronse á campaña de tarxetas bono Merc@mes. Entre eles non figuran espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), estacións de servizo de combustible, salas de xogo/apostas, farmacias e demais establecementos sanitarios e estancos, postos que nas bases se establecía que este tipo de negocios non poderían incluírse na campaña.

Si que se incluíron ópticas, clínicas veterinarias, psicotécnicos, clínicas dentais, establecementos ortopédicos e parafarmacias. As tarxetas non son válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. Os establecementos adheridos á dita campaña dispoñen dunha pegatina no escaparate de Merc@mes, para que a clientela os poida distinguir e saber en cales poden poder facer uso das tarxetas – bono. Preme nesta ligazón para consultar os establecementos adheridos a dita campaña.

Vídeos promocionais da campaña Merc@mes
Para a difusión da venda de tarxetas e das compras nos locais comerciais, o Concello de Ames vai elaborar uns vídeos promocionais para distribuír, nos próximos días, mediante as redes sociais, que estarán protagonizados polo actor e humorista, Pepo Suevos, e a cantante e presentadora, Fátima Pego.

Comentarios