O programa Apego e os obradoiros de acollemento lingüístico retoman a súa actividade

O programa Apego e os obradoiros de acollemento lingüístico retoman a súa actividade
O programa Apego e os obradoiros de acollemento lingüístico retoman a súa actividade

Neste mes de marzo comeza a primavera e as actividades do Espazo Apego volven para favorecer a crianza en galego. O concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, deu conta das actividades do programa en rolda de prensa, así como da celebración dunha nova edición dos obradoiros de acollemento lingüístico para persoas procedentes doutras comunidades.

O Espazo Apego retoma o seu pulso tralo parón imposto polo pandemia e recupera neste mes de marzo as actividades do programa Apego e os obradoiros de acollemento lingüístico. O edil de Políticas Lingüísticas amosou a súa satisfacción por esta volta á actividade e animou a cidadanía a participar, sempre respectando as medidas de seguridade adoptadas para previr contaxios.


"Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Pregamos que, como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza", solicitou o concelleiro que lembrou tamén que "para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Ademais, na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda) e será obrigatorio o uso de máscara".

Programa Apego
O programa Apego arranca con novidades, así, o tradicional folleto de actividades reconvértese nun calendario no que as familias poderán ir anotando ao seu xeito aquelas nas que queren participar. Pero non só iso, nesta ocasión ofrece información sobre a senda mitóloxica do Monte Viso para coñecer os seres que a habitan, que se pode empregar tamén como un xogo en parellas: só fai falta imprimilo dúas veces, recortar as imaxes dos personaxes e seguir as instrucións.

O propio Espazo Apego énchese coas seguintes actividades:

MARTES. Tardes de contos (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h. Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

MÉRCORES. Realizarase, de xeito alterno por semanas, una función ou un obradoiro Enredando.

Mércores de función ás 17.30 h:
• 10 de marzo: Carabranca da Compañía Eléctrica (maiores de 3 anos). Iria Pinheiro interpreta una historia de Iván Sende onde unha nena pirata logra todo o que se propón, desafiando calquera perigo marítimo e terrestre. Mestura de aventuras co ánimo de superación para fomentar a igualdade.

• 24 de marzo: Obradoiro de arrolos con Mamá Cabra (de 0 a 3 anos). Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretan e ensinan algúns arrolos cos que adormecer, aleitar, e tamén cos que gozar da música nos primeiros días e meses de vida.

Mércores en que non hai función ás 17.30 h:
Enredando (de 2 a 6 anos). Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...

XOVES. Xogos de palabras (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h. As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvenos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.
VENRES. Obradoiros para medrar (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h. Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza en paquetes mensuais para irmos tratando e afondando en temas de especial interese nas idades máis temperás. Combinamos o seu xogo coa nosa aprendizaxe. Para estas actividades non hai límite en número de persoas adultas por crianza.

O tema deste mes é A educación a través do desenvolvemento motriz cos seguintes obradoiros para estimular o sistema psicomotor (psicomotricidade fina e grosa):

• 5 de marzo "Xogamos con pan relado" (actividade para non celíacos)
• 12 de marzo "Xogamos con papel"
• 26 de marzo "Pintamos con chocolate"

Para anotarse cómpre entrar ir á sección de actividades, entrar na escollida, premer no formulario de inscrición e cubrilo. Os formularios estarán habilitados desde unha semana antes de cada convocatoria ata o día anterior á súa data. As prazas iranse asignando por orde de entrada e confirmaranse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado. En caso de querer anular a inscrición, para facilitar que acuda outra persoa da listaxe de agarda, haberá que enviar un aviso ao enderezo dlg@santiagodecompostela.gal

Obradoiro de acollemento lingüístico
Nesta primavera volve tamén o Obradoiro de acollemento lingüsítico para persoas doutras comunidades. Celebrarase os luns e mércores a partir do 15 de marzo en horario de mañá ou de tarde. En total serán 18 sesións de 2 horas e contará con 20 prazas. A inscrición deberá realizarse ata o 10 de marzo en delingua.santiagodecompostela.gal

Comentarios