Luz verde á oitava fase do despregamento de fibra óptica, que sae da cidade amurallada cara ao barrio de San Pedro

Luz verde á oitava fase do despregamento de fibra óptica, que sae da cidade amurallada cara ao barrio de San Pedro
Luz verde á oitava fase do despregamento de fibra óptica, que sae da cidade amurallada cara ao barrio de San Pedro

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a oitava fase do "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 8", que conta cun orzamento de execución material de 22.885,81 euros. Nesta fase actuarase, por primeira vez, fóra da cidade amurallada, coa extensión do servizo cara ao barrio de San Pedro a través de Porta do Camiño e da Praza 8 de marzo.

Esta parte do proxecto contempla o despregamento da fibra óptica no seguinte ámbito:


Quinteiro da Rúa de San Pedro, Praza 8 de marzo, Rúa do Medio e Travesía de San Pedro.

Praza de San Pedro.

Ruela das Fontiñas.

Rúa de Aller Ulloa (núm. 1, 3, 5, 7 e 9)

Praza do Matadoiro (Núm. 1, 2 e 3)

Avda. de Raxoi e Pazo de Fonseca

Costa e Campiño de San Francisco.

Rúa de San Francisco.

Travesía das dúas Portas

O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% aos posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, con similares condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago, e contarán co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento; e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola súa superficie.

A obra civil correspondente á execución de pasos soterrados da nova rede de distribución de fibra óptica, deberá ser aproveitada para soterrar simultáneamente todos aqueles tendidos aéreos que poidan ser suprimidos. A propietadae das novas arquetas a executar na vía pública será do concello.

A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Casa das Máquinas
Na reunión de hoxe, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente o "Proxecto de rehabilitación do edificio Casa das Máquinas na Rúa das Galeras (FASE II – Acondicionamento Interior)", que conta cun orzamento de execución material é de 115.917,38 euros. Trátase dunha intervención vinculada á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA), que se encadra dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación y promoción del patrimonio histórico, arquitectónico y cultural".

O Obxectivo principal da intervención é o de completar a rehabilitación dun elemento patrimonial de valor histórico-artístico da cidade histórica e dotalo de equipamentos, tanto a nivel sociocultural como turístico. A intervención proxectada consistirá na rehabilitación e acondicionamento da edificación para o seu uso como espazo sociocultural de interese turístico (exposicións e eventos). Crearanse dúas zonas: a principal e máis ampla a modo de gran praza cuberta a dobre altura para a celebración de exposicións e eventos e outra pequena zona de servizo distribuída en dous andares, que albergará usos de atención ao público, usos administrativos e usos auxiliares, como baños, almacéns, salas de reunións/talleres etc.

Memoria histórica
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente a retirada de determinados símbolos que estarían incumprindo a Lei de Memoria Histórica, máis concretamente a inscrición en pedra dedicada a José Antonio Primo de Rivera, situada na fachada oeste do convento de San Paio de Antealtares que dá fronte á Praza da Quintana de Mortos. O problema, segundo se pon de manifesto a comisión asesora, é que e inscrición está labrada directamente sobre a cara exterior dos perpiaños de granito, o que dificulta a súa eliminación do mencionado símbolo.

Entre as diferentes solucións recollidas na proposta, figura o rebaixe ou tallado da superficie completa dos perpiaños afectados pola inscrición; o recheo dos ocos das letras con morteiro de reparación; ou executar unha limpeza de estaturación nos baixorrelevos para difuminar a contorna das letras e dificultar a lectura, aínda que non as eliminaría totalmente. Tamén se poderían substituir os perpiaños afectados, pero é a intervención máis desaconsellable pola dificultade técnica que presente e polo elevado custe da mesma.

En todo caso, e segundo a proposta levada á comisión, á vista do deficiente estado de conservación dalgunhas partes da fachada de convento que dá fronte á Praza da Quintana, resultaría conveniente que no caso de efectuar unha actuación concreta para a supresión ou a mimetización da mencionada inscrición, esta iniciativa se encadrase no marco dunha intervención xeral de restauración na totalidade da superficie da fachada, a fin de que o resultado final sexa respectuoso coa imaxe do monumento e coherente coa imaxe da contorna da cidade histórica. En calquera caso, calquera intervención que se pretenda realizar sobre a fachada do Convento de San Paio de Antealtares deberá ser autorizada polo órgano competente en materia de protección do patrimonio da Consellería de Cultura.

Na reunión, tamén se deu o visto bó ás obras menores promovidas polo Consorcio de Santiago de Compostela, consistentes na intervención urxente de restauración de dous farois do alumeado público instalados na fachada oeste do convento de San Paio de Antealtares, que contan cun orzamento de execución material de 9.022,80 euros.

As obras menores de mantemento da igrexa de San Fructuoso, tamén recibiron luz verde. Entre esas actuacións, que contan cun orzamento de execución material de 122.428,15 euros, figuran a renovación total da tella da cuberta; a substitución da placa base da tella por placas de fibrocemento; a substitución da claraboia do tellado situada no corpo entre a espadana e o ciborio por outra igual ou a restauración in situ dos elementos metálicos da fachada principal.

Outros asuntos
A maiores, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, informou favorablemente en relación coa solicitude de montaxe da exposición "Mira con outros ollos", no Parque da Alameda, entre o 20 de xuño e o 1 de xullo, organizada pola Unidade de Atencion ás Migracións (UAMI) da Concellaría de Políticas Sociais, dentro dos actos de conmemoración do Día mundial do refuxiado, que se celebran o próximo 20 de xuño.

Tamén recibiron luz verde os proxectos de reforma interior dunha vivenda na Costa de S. Domingos, a rehabilitación dun inmoble familiar na Rúa Campo do Forno, o revestimento exterior da fachada dun edificio de vivendas na Rúa Nova de Abaixo, e a colocación dunha placa na fachada do antigo Pazo do Marqués de Santa Cruz, na Rúa Nova.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta. 
Comentarios
Lo más