Santiago e Kalandraka convocan o XIV Premio Internacional Compostela dotado con 9000 euros ao mellor álbum ilustrado

Santiago e Kalandraka convocan o XIV Premio Internacional Compostela dotado con 9000 euros ao mellor álbum ilustrado
Santiago e Kalandraka convocan o XIV Premio Internacional Compostela dotado con 9000 euros ao mellor álbum ilustrado

A Concellería de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 14 de maio de 2021 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño.

Ao XIV Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.


Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, català, euskara e portugués— en novembro de 2021. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka e do Concello de Santiago, así como ao pé desta noticia.

Obras premiadas en anteriores edicións
A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca». Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Simón. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na pasada edición resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880».

Na súa traxectoria, o certame suma cerca de 3.500 obras presentadas dende numerosos países. Ademais, algúns dos libros dintinguidos co Premio Compostela teñen colleitado outros recoñecementos de ámbito estatal e internacional, figurando nos Premios Nacionais de Edición, na Lista de Honra IBBY, na selección The White Ravens e no Premio Cuatrogatos. 
Comentarios
Lo más