Comezou o prazo para participar no concurso de fotografía "Compostela, onde a luz é arte"

Comezou o prazo para participar no concurso de fotografía "Compostela, onde a luz é arte"
Comezou o prazo para participar no concurso de fotografía "Compostela, onde a luz é arte"

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou este venres, acompañado do director de Televés, Sebastián Pantoja, o concurso de fotografía "Compostela, onde a luz é arte". Enmarcado no proxecto Cromalux, unha das tres liñas de actuación de Smartiago, premiará as tres mellores imaxes de edificios iluminados de alto valor patrimonial de Santiago de Compostela.

O obxectivo do concurso, segundo destacou o concelleiro, Sindo Guinarte, "é destacar a importancia que desempeña a luz e a iluminación na vida das persoas a través dun uso razoable e sustentable da enerxía en áreas fundamentais que van desde a tecnoloxía até o desenvolvemento sostible, pasando pola cultura e a educación".


O prazo para presentar as fotografías a "Compostela, onde a luz é arte" comeza hoxe, 5 de marzo, e finaliza do vindeiro día 19. Guinarte, que tamén é responsable do proxecto Smartiago, recordou que os concursantes "deberán respectar as restricións horarias para non infrinxir o toque de queda establecido", e que "tamén se admiten fotos anteriores ao comezo do concurso".

As persoas que desexen participar deben ser seguidores do Facebook do concello de Santiago, do twitter Pazo de Raxoi, ou do instagram SantiagoTurismo. Premiaranse tres imaxes ,que serán publicadas nas redes sociais e na web do Concello de Santiago, ademais de seren expostas de forma destacada nun lugar aínda por decidir. Os tres primeiros clasificados percibirán a maiores, un lote de agasallos.

As persoas que desexen concursar deben enviar as fotografías ou unha ligazón onde se poidan descartar ao correo electrónico compostelaluzearte@santiagodecompostela.gal. Nese envío deberán identificarse co nome, apelidos, DNI e teléfono. As bases completas pódense consultar ao pé desta noticia.

Sindo Guinarte animou a todo o mundo a participar, a enviar fotos que o que pretende tamén, engadiu "é dar visibilidade a este proxecto tan innovador e tan importante no que Televés e o Concello de Santiago son protagonistas".

O director de Televés, Sebastián Pantoja, sinalou que "para nós é un orgullo participar neste proxecto, non só porque sexa unha empresa de Compostela, se non porque tamén é unha solución moi innovadora a nivel mundial, o concepto de utilizar a iluminación de xeito intelixente para o mantemento do patrimonio. Iso é bastante pioneiro e esperemos que se poida extender a outras cidades patrimonio". Recordou tamén que se cambiou o nome do proxecto a Cromalux, "pola importancia que lle damos no sentido da explotación, que teña unha continuidade".

Sebastián Pantoja explicou que se todo sigue como ata o de agora, "poderemos arrancar o proxecto piloto de iluminación da Casa do Cabido en xullo deste ano. Fixemos xa probas a nivel de laboratoiro, pola parte da Universidade de Santiago, que están resultando moi ben. Os resultados son moi prometedores". "Pola nosa parte", continuou, "a parte estética, xa se aprobou polo Concello, porque aquí é moi importante a integración arquitectónica das luces, polo que o deseño xa está en marcha. E con Ferrovial estamos traballando toda a parte das ubicacións finais dos proxectores para poder iluminar correctamente a Casa do Cabido. A idea, finalizou, "é ter o informe de resultados para decembro".

Cromalux
Sindo Guinarte destacou que das tres liñas de actuación que xa están en marcha do proxecto Smartiago, "Mobilidade intelixente e sostible", "Xestión sostibel e intelixente dos RSU (Residuos Sólidos Urbanos)", e e "Iluminacion ornamental intelixente para a conservación do patrimonio"; "as tres son importantes, pero da que me sinto especialmente satisfeito é deste proxecto, porque foi adxudicado a unha empresa compostelá, porque participa a nosa universidade, porque dos tres é o que ten unha maior carga de innovación".

Son tres proxectos, recordou o concelleiro, licitados polo procedemento de CPI (Compra Pública Innovadora): "non son compras de subministros". As empresas e entidades adxudicatarias "o que asumen é o compromiso de investigar e desenvolver a tecnoloxía que permita esa finalidade" inovadora, "porque esa tecnoloxía non existe no mercado". O paso seguinte, continuou, "será a explotación desa tecnoloxía. Pero os proxectos de CPI o obxecto que ten é desenvolver novos produtos que non están no mercado, para dar solución a problemas existentes.

O proxecto Smartiago estase desenvolvendo en virtude dun convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela. Trátase dun importante proxecto, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Concretamente, o programa Cromalux, ten como obxetivo o desenvolvemento e implementación de sistemas de alumeado inovadores en edificios patrimoniais, que permitirán reducir o consumo enerxético nun 80% e influir no crecemento da biodiversidade sobre as súas fachadas. Este sistema de alumeado ornamental, pioneiro a nivel mundial adxudicouse a un consorcio do que forman parte a empresa Televés, Ferrovial e a USC (Universidade de Santiago de Compostela) por un importe de 613.581 euros, IVE engadido.

BASES
1. Ámbito temporal e territorial da promoción
1.1 O concurso desenvolverase no concello de Santiago de Compostela.

1.2 O período do concurso será do 5 ao 19 de marzo de 2021, incluídos.

1.3 As persoas concursantes deberán respectar as restricións horarias para non infrinxir o toque de queda establecido.

1.4 Para facilitar a toma das fotografías nocturnas sen infrinxir as restricións horarias impostas polo toque de queda, recomendamos realizalas nas primeiras horas do amencer ou do anoitecer.

1.5 Admítense fotografías anteriores ao inicio do concurso.

2. Forma de participar
2.1 Poderán participar no concurso todas aquelas persoas maiores de idade, ou representantes de menores, que sigan a mecánica indicada nestas bases.

2.2. Para participar será necesario seguir algunha das páxinas ou perfís correspondentes:

Facebook: https://www.facebook.com/concellosantiago/
Twitter: https://twitter.com/PazodeRaxoi
Instagram: https://www.instagram.com/santiagoturismo/?hl=es

3. Participación
3.1 Poderán participar na promoción todas aquelas persoas físicas que sigan algunha das contas de Facebook ou Twitter do Concello de Santiago de Compostela ou de Instagram de Turismo de Santiago de Compostela.

3.2 No suposto de que resulte gañadora algunha persoa que incumpra algún requirimento da convocatoría, perderá o seu dereito a recibir o premio obtido.

4. Premios
Haberá un total de tres persoas premiadas.

4.1 O xurado estará composto por representantes do Concello de Santiago de Compostela.

4.2. As tres fotografías premiadas serán expostas de xeito destacado xunto ao resto de fotografías seleccionadas nun lugar que determine o Concello de Santiago de Compostela.

4.3. As tres persoas premiadas recibirán cadanseu lote de libros de Santiago de Compostela.

4.4. As imaxes das persoas gañadoras, xunto ás súas fotografías premiadas, poden compartirse en Facebook, Twitter e Instagram.

4.5. A persoa gañadora do concurso acepta que se publique o seu nome. En caso de ser menor de idade debe ser a súa representante quen autorice a publicación do seu nome.

5. Pasos que cómpre seguir
5.1 Seguir algunha das contas do Concello de Santiago de Compostela en Facebook ou Twitter ou o perfil de Turismo de Santiago de Compostela en Instagram. O concurso consiste en premiar as tres mellores fotografías nocturnas de edificios de alto valor patrimonial de Santiago de Compostela coa súa publicación nas redes sociais e a súa exposición nun lugar que determine o Concello de Santiago de Compostela.

5.2 As fotografías ou un enlace onde se poidan descargar enviaranse ao enderezo de correo electrónico compostelaluzearte@santiagodecompostela.gal, identificando o nome e apelidos, o documento de identidade, o teléfono, e o seu nome de usuario en redes sociais.

6.- Dereitos de imaxe
6.1 As persoas gañadoras, polo simple feito de participar, autorizan á organización do concurso a reproducir, utilizar e difundir o seu nome, apelidos, enderezo e imaxe en calquera actividade publicitaria ou promocional que estea relacionada con este concurso, todo isto en calquera medio (incluíndo, con carácter enunciativo e non limitativo, a explotación a través de Internet e Internet para telefonía móbil ou redes sociais) sen que estas actividades lles confiran dereito a remuneración ou beneficio ningún agás o premio gañado consonte estas bases.

7. Protección de datos
7.1 Ao abeiro da Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal, informamos ás persoas participantes da promoción de que os datos persoais que faciliten serán incorporados a un ficheiro propiedade do Concello de Santiago de Compostela.

8. Reserva de dereitos
8.1 O Concello de Santiago de Compostela resérvase o dereito de dar de baixa aquelas persoas participantes que estean facendo un mal uso do concurso, realicen actos fraudulentos ou prexudiquen a outras persoas.

8.2 O Concello de Santiago de Compostela resérvase o dereito a seleccionar una persoa gañadora alternativa para o caso de que teña motivos razoables para crer que unha persoa participante infrinxiu calquera destes termos e condicións.

8.3 O Concello de Santiago de Compostela resérvase o dereito de realizar modificacións ou engadir anexos sucesivos sobre a mecánica e premios deste concurso, sempre que estean xustificadas ou non prexudiquen as persoas participantes e se lles comuniquen debidamente.

9. Aceptación de bases
9.1 A participación no concurso supón a aceptación expresa e sen reservas destas bases, que serán accesibles desde as canles do Concello de Santiago de Compostela.

9.2 O incumprimento de calquera destas bases por parte da persoa participante determinará a súa inmediata descualificación.

9.3 Anunciarase as persoas gañadoras do concurso na web do Concello de Santiago e en cada un dos perfís das redes sociais correspondentes, Facebook, Twitter e Instagram, o día 26 de marzo de 2021.

10. Elección das persoas gañadoras
10.1 Elixiranse tres persoas gañadoras entre as participantes. As súas obras serán publicadas nas redes sociais e na web do Concello de Santiago e serán expostas de forma destacada nun lugar que determine o Concello de Santiago de Compostela.

10.2 Participarán todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e as representantes de menores, de idade que envíen fotografías pero o Concello de Santiago resérvase o dereito de publicar só aqueles contidos que considere adecuados. 
Comentarios