O artista santiagués Ricardo Sobrino mestura o superficial e o profundo da paisaxe galega na súa mostra “De tectónica e paisaxes”

O artista santiagués Ricardo Sobrino mestura o superficial e o profundo da paisaxe galega na súa mostra “De tectónica e paisaxes”
O artista santiagués Ricardo Sobrino mestura o superficial e o profundo da paisaxe galega na súa mostra “De tectónica e paisaxes”

Recolle dezanove pinturas realizadas en óleo sobre lenzo que se poderán ver ata o 26 de marzo

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) arrinca o ano 2021 cunha nova exposición pictórica a cargo do artista Ricardo Núñez Sobrino, coñecido como Ricardo Sobrino. A mostra, “De tectónica e paisaxes” estará aberta ao público ata o 26 de marzo no Centro Empresarial do Tambre de Santiago de Compostela, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

A mostra recolle 19 pinturas da paisaxe galega, realizadas en óleo sobre lenzo, onde o autor segue un fío condutor: o superficial e o profundo que hai en toda paisaxe. Os cadros preséntanse divididos en dous bloques de temáticas diferentes. Unha primeira serie son obras de paisaxes de contido figurativo e axustado ao que se percibe, pero tendo en conta a vivencia que se experimenta na captación do entorno, e reflectida na luz e as formas que ofrece a natureza. A segunda relación de cadros teñen por obxecto outra temática, chamada tectónica, onde a inspiración para a súa realización pictórica xa no é, segundo explica Ricardo Sobrino, a vivencia empática co entorno, senón un proceso de imaxinación reflexa para recrear aquilo que está na base da paisaxe, é dicir, as capas xeolóxicas que sustentan a superficie da terra. “As capas tectónicas dan un gran xogo creativo e libre na composición pictórica” –sinala–.

Ricardo Sobrino (Santiago de Compostela, 1954) é un artista cunha longa tradición familiar de tempos do gran mestre Carlos Sobrino, un artista de firmes conviccións e propósitos, sensible e aberto a novas tendencias. Segundo explica o comisario da exposición e membro da xunta directiva da Asociación Área Empresarial do Tambre, Manuel Nieto, o artista presenta una variada mostra dos seus traballos, froito de moitos anos de labor. Por un lado, as paisaxes de corte clásica onde se aprecian os seus sólidos coñecementos e o seu bo facer, “cunha man ben educada que sabe que facer en cada momento”, con presenza de ceos claros con tenues variacións de cores entremesturadas que o artista resolve con mestría, sempre deixando un camiño para que a imaxinación os interprete ao seu gusto. Por outra parte, están outras paisaxes imaxinadas, creadas desde unha visión profunda e eterna, cheas de sombras pero firmemente arraigadas a base de cores sólidas e profundas que evocan sentimentos eternos, coa escasa utilización de brillos. Ademais de expoñer na asociación empresarial noutras ocasións, Ricardo Sobrino levou a súa obra á Fundación Araguaney-Puente de Culturas e ao Hostal dos Reis Católicos, mostras que suscitaron moita expectación. 

Comentarios
Lo más