A conexión a internet por fibra óptica no concello de Padrón xa é unha realidade para 1.700 fogares

A conexión a internet por fibra óptica no concello de Padrón xa é unha realidade para 1.700 fogares
A conexión a internet por fibra óptica no concello de Padrón xa é unha realidade para 1.700 fogares

A previsión é que ao longo do 2021 outros 1.500 inmobles teñan acceso a esta tecnoloxía de banda ancha

A instalación da rede de fibra óptica no concello de Padrón desenvolta por Telefónica xa comezou a súa execución e, ata o de agora, un total de 1.700 fogares en 22 núcleos de poboación do Concello de Padrón xa teñen acceso á fibra. A previsión é que ao longo deste ano o servizo se amplíe a máis de 1.500 novas unidades inmobiliarias pertencentes a outros 19 novos núcleos de poboación, entre os que se inclúe o núcleo urbano de Padrón. O programa continuará posteriormente ao longo do 2022 co obxectivo de que a totalidade de fogares do municipio teña acceso á tecnoloxía de banda ancha máis punteira do mercado das comunicacións.

A iniciativa en Padrón estase a desenvolver por Telefónica e Orange en numerosos lugares do concello como Couto, Cruces, Iria Flavia, Luans, Pedreda, Pedroso Norte, Pedroso Sur, Porta dos Mariños, Prada, Puente-Aldea, Quintans, Reten, Angueira de Suso, Estramundi de Arriba, Pedreira, A Igrexa, Herbón, Pontecesures, Estramundi de Abaixo, Vilar, Berjaos, Outeiro, Rial, Ribadulla, Sande, Sinde, Sobrerrivas, Bayuca, Vigo, Cortiñas, Rego da Manga, Santa Cruz, Aduana, Barco, Cambelas, Agronovo, Paraíso, Pouso, Rueiro, Calzada, Lama e Padrón Centro.

O desenvolvemento desta acción realizase baixo o paraugas de concursos públicos adxudicados pola Xunta de Galicia no Plan de Banda Larga (PEBANG) e polo Goberno de España no Plan PEBA-NGA, cofinanciados con fondos europeos FEADER e FEDERA. A fibra óptica conleva unha gran velocidade na transmisión de datos, permite recibir varias canles simultaneamente, a súa calidade de transmisión e a súa capacidade son excelentes posto que o sinal é inmune a interferencias externas. Ademais o seu sistema é máis seguro na transmisión de datos.

O concelleiro de Servizos, Ángel Rodriguez, destacou que a través deste proxecto “Padrón ofrecerá mellores servizos á cidadanía, posto que se aumenta a axilidade e rapidez das comunicacións. A pandemia da Covid-19 incidiu na necesidade de ter desenvoltas unhas redes de comunicación seguras e eficientes, por iso a fibra axudará ao crecemento do técido empresarial e contribuirá a fixar poboación no noso territorio”.

Segundo explicaron os técnicos, o despregue dos canles de fibra realizarase a través das canalizacións subterráneas existentes. Excepcionalmente e só onde non exista canalización dispoñible, o despregue realizarase en tendidos aéreos por postes ou en trazados por fachada, en función das características construtivas da área a cubrir. 

Comentarios
Lo más