CA presenta unha proposta para a peonalización de Mazarelos

CA presenta unha proposta para a peonalización de Mazarelos
CA presenta unha proposta para a peonalización de Mazarelos

Compostela Aberta propón que a costa de Tras San Fiz de Solovio teña dobre sentido de circulación, que se habiliten prazas de aparcamento na Praza de San Fiz e se conserven as da Travesa da Universidade

A portavoz municipal de Compostela Aberta, Marta Lois, e o concelleiro Xan Duro deron a coñecer unha proposta para a peonalización de Mazarelos que tería un menor impacto na Praza de Abastos e, polo tanto, permitiría compatibilizar a conservación do patrimonio, a priorización do tránsito peonil na zona histórica, e a actividade no mercado. O plan xa lle foi presentado aos responsables da Praza, así como a entidades veciñais como a Asociación de Veciños Fonseca ou a Asociación de Veciños do Casco Histórico. Para o grupo municipal de CA, “o Goberno non pode quedar quieto e renunciar á prometida peonalización de Mazarelos, senón que a súa obriga é abordar esta cuestión procurando as mellores alternativas para todas as partes”.

Marta Lois incidiu en que a peonalización de Mazarelos “é un compromiso que adquiriu o Goberno e é tamén unha actuación que responde a un acordo adoptado polo Pleno da Corporación, a partir dunha proposta de Compostela Aberta”. Para a voceira de CA, “é difícilmente xustificable que o Goberno bote o freo, cando o concelleiro responsable de Tráfico leva case un ano anunciando esta medida, ao parecer sen ter falado de abondo con todas as partes implicadas, que é a única maneira de atopar solucións menos conflitivas”. A concelleira instou ao Goberno de Bugallo “a non ser pasivo, a non repetir o que acontecido en épocas anteriores, nas que este alcalde tampouco tivo a valentía necesaria para afrontar a peonalización de San Pedro nin o calmado de tráfico en San Francisco, actuacións necesarias que, unha vez implementadas, son asumidas sen maiores problemas”. 

Costa da Praza con dobre sentido e aparcamento na Travesa da Universidade

O concelleiro Xan Duro explicou que a proposta de Compostela Aberta tén como obxectivo “eliminar o tránsito rodado na Praza de Mazarelos, pero permitindo a circulación e o aparcamento no contorno máis inmediato da Praza de Abastos, para non prexudicar a súa actividade”. Para logralo, proponse que a coñecida como “costa da Praza”, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, teña dobre sentido de circulación, e que os vehículos circulen en modo rotonda ao redor da praza de San Fiz, onde se habilitaría un espazo central de aparcamento en batería. Esas prazas de estacionamento sumaríanse ás que se poderían manter na Travesa da Universidade e serían, todas elas, con tarifa ORA de curta duración, entre as 7:00 e as 15:00 horas. Pola contra, sería preciso eliminar os estacionamentos en Tras San Fiz, para permitir o dobre sentido de circulación. 

Tal e como explicou Xan Duro, “esta proposta sería fácilmente executable, e tan só requiriría actuacións menores como a instalación de espellos, a substitución dos bolardos móbiles de acceso á praza de San Fiz, ou a instalación de bolardos de protección para delimitar o acceso peonil e protexer o lateral da igrexa de San Fiz”. De igual maneira, propónse trasladar o paso de peóns da rúa de Virxe da Cerca máis próximo á costa da praza, para facilitar a incorporación de vehículos e aumentar a seguridade dos peóns. 

Actuacións en Mazarelos e Virxe da Cerca

A proposta de Compostela Aberta complétase con outras dúas actuacións, que teñen como obxectivo recortar o impacto da peonalización na dispoñonibilidade de aparcamento no contorno da Praza de Abastos. Así, CA formula a posibilidade de que se habilite o primeiro tramo da rúa Mazarelos como aparcamento para motocicletas, que terían a entrada e a saída por Virxe da Cerca. Ao mesmo tempo, pídese reconverter o aparcadoiro para motos de Virxe da Cerca, situado á altura da EASD Mestre Mateo, en prazas para vehículos, baixo o réxime da ORA de curta duración. 

O concelleiro Xan Duro explicou que, deste xeito, “habilitaríanse en torno a 25 prazas de aparcamento de zona ORA de curta duración, que mesmo poderían ser para o uso de residentes da zona histórica polas noites e nas fins de semana a partir das 15.00 horas do sábado”. Ademais, o edil apuntou a posibilidade de que “o Concello instale un sistema para a sensorización das prazas de aparcamento deste ámbito, que ofreza datos en tempo real sobre os espazos dispoñibles, que se poidan trasladar a paneis informativos, evitando o tráfico parásito”.

A portavoz de CA pediulle ao Goberno que “se tome en serio a nosa proposta, porque é unha moi boa alternativa para peonalizar Mazarelos, como piden moitos veciños e veciñas, sen ter efectos perniciosos na actividade da Praza de Abastos”. Marta Lois reiterou o compromiso de Compostela Aberta co mercado, “un espazo que debe manter a súa vitalidade, pero que tamén debe ser preservado e no que é preciso garantir a convivencia”. Nesa liña, lembrou que foi o grupo municipal de CA quen reclamou a incorporación da Praza ao programa de bonos de aparcamento que tén en marcha o Concello para paliar os efectos da pandemia no pequeno comercio, un impacto ao que o mercado non é alleo”. 

Para Marta Lois, “a proposta de CA é un excepcional punto de partida que o Goberno debe utilizar para buscar acordos e consensos, tanto coas entidades veciñais da zona histórica como coa propia Praza de Abastos”.

Comentarios
Lo más