As fontes da alameda locen restauradas e con nova iluminación

As fontes da alameda locen restauradas e con nova iluminación
As fontes da alameda locen restauradas e con nova iluminación

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Parques e Xardíns, vén de poñer en valor as seis fontes ornamentais da alameda compostelá, facéndoas funcionar de xeito sostible e dotándoas, entre outros elementos, dun novo sistema de iluminación máis acorde co entorno no que se atopan.

No parque da alameda hai seis fontes ornamentais (a do Paseo dos Leóns, a dos Condes de Altamira, o estanque do Ollo, a fonte do Paseo Central, a da Cuncha e a de San Clemente), cinco das cales estaban baleiras e sen funcionamento. O motivo: non dispoñían dun sistema de recirculación de auga, polo que para funcionar tiñan que consumir de forma continua auga potable da rede de abastecemento. A este feito hai que engadir que as fontes non estaban impermeabilizadas.


Con esta situación de partida, dende unha perspectiva ambiental responsable, tomouse a decisión de manter as fontes sen auga, pois o seu funcionamento suporía un consumo próximo aos 100.000 m3 de auga anuais (100 millóns de litros), unha pésima xestión do recurso. Para comprender este consumo de auga basta outro dato: o consumo anual de auga para regar todo o parque da Alameda é duns 7.595 m3/ano, é dicir, as fontes funcionando con auga da traída consumirían anualmente 12 veces máis que a auga empregada para regar o parque.

Entorno privilexiado
Situado a medio camiño entre dous dos elementos máis emblemáticos da cidade, o Campus Sur e o casco antigo, o parque da Alameda de Santiago contén un magnífico patrimonio arquitectónico e botánico. En si mesma constitúe, dende o século XIX, un punto importante de referencia como zona de ocio e a súa situación privilexiada, bordeando unha parte da cidade histórica e cunha magnífica perspectiva sobre a súa fachada oeste, a más monumental, convértea na principal e máis visitada zona verde urbana da cidade.

Por todo iso, o Concello considerou necesario pór en valor estas seis fontes a través dun proxecto de restauración que permitise un funcionamento sostible e unha mellora do seu aspecto, en consonancia co importante espazo da cidade no que se atopan.
Para cumprir co obxectivo instaláronse sistemas de recirculación de auga, mediante o emprego de bombas sumerxibles, e impermeabílizaronse as fontes para evitar as fugas existentes. Este novo sistema supón un aforro de auga estimado de 94,608 m3/ano.

Novo sistema de iluminación

Con esta reforma tamén se dotou as fontes da alameda dunha nova iluminación, que resalta o seu especto e mellora a súa contemplación nas horas nocturnas. Para elo empregáronse proxectores equipados con lámpadas led de alto rendemento e baixo consumo colocados no fondo do vaso con accesorios especiais que respectan a impermeabilización do mesmo e permiten a instalación baixo a lámina de auga. 

Comentarios
Lo más