A poboación de Padrón, a que máis doa sangue en Galicia

A poboación de Padrón, a que máis doa sangue en Galicia
A poboación de Padrón, a que máis doa sangue en Galicia

ADOS transmite ao Concello de Padrón o seu agradecemento pola implicación cidadá e pola labor do persoal municipal na difusión e organización das campañas de doazón

A veciñanza de Padrón eríxese como a máis comprometida coa doazón de sangue na comunidade galega. O concello de Padrón acadou a maior taxa de doazón de sangue de Galicia en 2020, cun total de 833 doazóns ao longo deste exercicio. Esta cifra representa 100 doazóns por cada 1.000 habitantes durante un ano, unha media moi superior á establecida pola Organización Mundial da Saúde –dun total de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes-. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia vén de enviar unha carta de agradecemento ao Concello de Padrón pola “encomiable” colaboración da cidadanía, pola labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue por parte do persoal técnico do Concello e pola súa implicación coa organización das campañas.

Como explican na misiva, as circunstancias da pandemia da Covid-19 obrigaron á modificación dos protocolos de doazón establecidos, porén grazas a resposta cidadá puidéronse atender todas as necesidades que se presentaron nos hospitais galegos ao longo do ano. Dende ADOS agradecen a solidariedade da veciñanza de Padrón, así como a labor do persoal traballador do Concello pola súa implicación cada vez que se desprazou unha unidademóbil ao municipio.

“É un orgullo recibir esta carta de agradecemento pola solidariedade da nosa veciñanza. Un ano máis volvemos ser o concello que máis doazóns efectuou ao longo do ano, polo que traslado a miña felicitación aos padroneses e padronesas.”, subliñou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Comentarios