Padrón inviste na mellora da sinalización do Xardín Botánico-Artístico

Padrón inviste na mellora da sinalización do Xardín Botánico-Artístico
Padrón inviste na mellora da sinalización do Xardín Botánico-Artístico

As placas coas que se identifican 50 especies inclúen o nome en galego e o científico, así como un código QR con máis información

O Xardín Botánico-Artístico de Padrón estrea sinalización. O Concello instalou un total de 50 placas ao lado das distintas especies que constitúen este xardín para identificalas. Nos paneis aparece o nome en galego e o nome científico da planta e ademais inclúese un código QR que conduce á páxina web https://xardinbotanico.padronturismo.gal/es/. Nesta dirección os usuarios e usuarias poderán ampliar a información e descargar fichas técnicas das especies.

Con estas 50 sinalizacións completase a primeira fase dun proxecto que seguirá executándose nos vindeiros meses. A concelleira de Turismo, Lorena Couso, sinalou que “malia que pola pandemia da Covid-19 tivemos que parar as visitas guiadas a este Xardín, este constitúe un dos principais reclamos de Padrón para turistas, peregrinos e visitantes. Por tanto dende o Executivo seguiremos actualizando e mellorando os recursos deste espazo”. 

O equipo do departamento de Turismo do Concello de Padrón elaborou unha extensa guía con todas as especies que dan forma a paisaxe deste enclave único do municipio. O catálogo distingue cinco categorías –especies singulares, especies monumentais, especies conmemorativas, por descubrir e elementos monumentais-. Este arquivo é o resultado dun minucioso traballo realizado polos técnicos de turismo de Padrón.

O xardín Botánico-Artístico de Padrón, declarado Ben de Interese Cultural en 1946, é un dos principais reclamos da localidade polo amplío abanico de especies que contén e porque está considerado como un dos principais xardíns da xeografía española. Ten unha extensión de aproximadamente unha hectárea e preserva preto de 300 especies, algunhas tan singulares como a palmeira de Senegal, a coroa de Cristo, o castaño de Indias, o carballo fastixiado ou a sequoia vermella-.

Comentarios