A Asociación Área Empresarial do Tambre informa ás empresas sobre a implantación de plans de igualdade

A Asociación Área Empresarial do Tambre informa ás empresas sobre a implantación de plans de igualdade
A Asociación Área Empresarial do Tambre informa ás empresas sobre a implantación de plans de igualdade

Participaron no webinar unha vintena empresarias e empresarios e traballadoras e traballadores da área empresarial, no que interveu a

directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha

A Asociación Área Emprearial do Tambre celebrou hoxe luns un webinar gratuíto sobre as obrigas empresariais en materia de igualdade, en colaboración coa empresa Quality Consultores, socio colaborador da asociación empresarial. A xornada, que se transmitiu por streaming, foi presentada pola vicepresidenta da Asociación, Flor Mariño Riveiro.

A finalidade do webinar é facilitarlle información e ferramentas ás empresas para cumprir coa lexislación vixente en materia de igualdade. Os relatores foron a directora Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Mancha, e o responsable do departamento de Consultoría de Quality Consultores, Gonzalo Abelenda, axente de igualdade, técnico na implantación de plans de igualdade e auditor salarial, tempo de traballo e igualdade na empresa. Participaron na xornada unha vintena empresarias e empresarios e traballadoras e traballadores da área empresarial.

Elena Mancha informou sobre os recursos dos que dispón a Xunta para facilitar a empresas e traballadores a implantación de medidas para avanzar cara á igualdade laboral. Así, puxo en valor o curso de formación que a Administración autonómica impartirá entre o 11 de maio e o 1 de xuño para axudar ao tecido empresarial a adaptarse á nova normativa estatal en materia de igualdade. Trátase dunha iniciativa na que Galicia é pioneira e que foi deseñada no seo do Diálogo Social para facilitar coñecementos sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo. O prazo de inscrición ábrese hoxe mesmo e rematará o 1 de maio. Os interesados poden anotarse a través da seguinte dirección de mail: dx.relacionslaborais@xunta.gal. A Xunta expedirá un certificado para aqueles participantes que aproben os correspondentes test.

Esta iniciativa inclúe unha plataforma de teleformación para facilitar o acceso ao contido da cualificación. Nela porase acceder ás gravacións da formación e contará cun sistema de titorización cos mesmos profesores “de modo que de xeito moi sinxelo se poida obter unha formación mínima para iniciar unha negociación en igualdade”, apuntou Mancha.

A directora xeral, así mesmo, avanzou que nas próximas semanas a Xunta convocará axudas para fomentar nas empresas galegas a implantación de plans de igualdade, o teletraballo e a flexibilidade horaria e sinalou que a igualdade de oportunidades supón unha mellora da competitividade das empresas, tal e como o demostran numerosos estudos.

Apuntou, ademais, que a Xunta está fomentando políticas de emprego e igualdade “tendo sempre presente a mellora do emprego feminino, xa que supón un beneficio para as mulleres e para as empresas”. Así mesmo, indicou que “na Xunta de Galicia estamos convencidos de que a igualdade é futuro, avance e xustiza social” e matizou que “o Goberno galego está totalmente comprometido coa igualdade laboral”.

Pola súa parte, Gonzalo Abelenda realizou unha análise das obrigas legais das empresas con menos de 50 empregadas e empregados en materia de igualdade, explicando os protocolos contra o acoso, as medidas específicas para garantir a igualdade de trato nas empresas, é dicir, o que se coñecen como protocolos de igualdade, e o rexistro salarial.

Igualmente, Abelenda fixo unha análise das obrigas legais das empresas con máis de 50 empregadas e empregados, centrándose principalmente nos plans de igualdade.

O experto indicou que un plan de igualdade ten como finalidade eliminar calquera tipo de desigualdade ou discriminación que poida darse nunha organización por razón de sexo, así como integrar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes como un beneficio básico da organización e como eixo dos procedementos de xestión. “Un plan de igualdade debe propiciar a eliminación dos desequilibrios e desigualdade de mulleres e homes” –argumentou–. Ademais, engadiu que un plan de igualdade correcto debe recoller un conxunto de obxectivos, medidas e accións, planificadas e con coherencia entre las, par avanzar no alcalde da igualdade entre mulleres e homes.

Gonzalo Abelenda asegurou tamén que a implantación dun plan de igualdade trae consigo numerosas vantaxes, como a retención do talento ao optimizar os recursos humanos aproveitando a importante formación das mulleres e os seus bos resultados; a mellora do clima laboral e un aumento da reputación interna da compañía entre o cadro de persoal; a preparación para o futuro dos equipos de traballo que se fan máis adaptables a novas formas de traballo; ou a reputación e mellora da imaxe da empresa, “máis actual, comprometida e socialmente valorada”. Finalmente, Abalenda indicou as sancións ás empresas que non compren coa lexislación en materia de igualdade.

Comentarios