Vía libre ás obras de renovación dos pavimentos de beirarrúas da avenida de Salamanca

Vía libre ás obras de renovación dos pavimentos de beirarrúas da avenida de Salamanca
Vía libre ás obras de renovación dos pavimentos de beirarrúas da avenida de Salamanca

A Comisión asesora do patrimonio histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, deu o visto bo, entre outros asuntos, ás obras de renovación dos pavimentos de beirarrúas da avenida de Salamanca. A actuación, que conta cun orzamento de execución material de 73.068,43 euros e un prazo de execución estimado dun mes, está integrada dentro dun proxecto máis amplo contemplado para a zona.

A proposta de intervención consiste na renovación dos pavimentos das beirarrúas para a mellora da seguridade de utilización, a accesibilidade e o ornato da vía pública. Os elementos de granito do bordos serán conservados. Unicamente se procederá á súa limpeza, e posteriormente volverán a reutilizarse. O pavimento actual de baldosa será substituído por un novo pavimento continuo de formigón armado desactivado para uso peonil, duns 10 centímetros de espesor. Este acabado final será similar ao xa existente noutras rúas próximas da cidade, como a Rúa do Espírito Santo, a Rúa da Pastoriza ou a Rúa dos Basquiños; todas elas no ámbito do "Plan especial de protección da cidade histórica".


Nas zonas de pasos de peóns colocarase pavimento de lousas hidráulicas de cor gris, tanto direccional como con resaltos cilíndricos tipo botón, en cumprimento da normativa de aplicación para indicar a presenza dos vados a persoas con discapacidade.

Neste momento, as beirarrúas están conformadas por bordos de granito e baldosa hidráulica de formigón, que se atopan nun estado moi deteriorado. Nalgunhas zonas están soltas, e noutras son incluso inexistentes, o que orixina importantes irregularidades. A situación das beirarrúas obriga a proxectar unha renovación integral das mesmas, xa que as reparacións puntuais non servirían para resolver o problema.

A comisión tamén informou favorablemente da solicitude de Paradores de turismo de España SME, SA, para a ocupación de espazo libre privado con terraza", no que se inclúe a modificación de mobiliario"; para o Hostal dos Reis Católicos; aínda que con condicións que lles serán comunicadas aos interesados. Tamén se deu luz verde ao acondicionamento dun local para uso de restaurante na Rúa do Vilar, ás obras de mellora enerxética da envolvente dun edificio de vivendas na Rúa de San Clemente; a substitución de carpinterías exteriores na fachada dun inmoble na Rúa de Montero Ríos; e á colocación de rótulos na fachada dun loca nesa mesma rúa.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta. 
Comentarios