Novo ciclo de transformación da madeira no Politécnico

Novo ciclo de transformación da madeira no Politécnico
Novo ciclo de transformación da madeira no Politécnico

O ciclo de grao medio comezará a impartirse o vindeiro mes de setembro en colaboración con Finsa

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e Fernando Segade, en representación de FINSA, asinaron  un convenio de colaboración para implantar o vindeiro curso un novo ciclo de Formación Profesional Dual, que se impartirá no CIFP Politécnico de Santiago, con formación práctica na empresa madeireira compostelá. O título, de nova creación, será o de grao medio en Procesamento e transformación da madeira, terá dous anos de duración e comezará a impartirse o vindeiro mes de setembro.

En total serán 12 os alumnos que poderán cursar esta nova titulación, cuxo currículo abrangue 2.123 horas, das que o 54% se desenvolverán no centro educativo e o 46% restante nas instalacións de FINSA, tanto con formación complementaria deseñada pola propia empresa como a través de actividade profesionalizadora práctica. O alumnado participante gozará dun programa de bolsas.

A empresa FINSA colabora desde hai anos co desenvolvemento da FP Dual. Non en balde, hoxe en día acolle nas súas instalacións un total de 32 estudantes que cursan diferentes ensinanzas de FP na modalidade Dual. Por outra banda, 28 alumnos desenvolven nesta empresa o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) en distintas especialidades.

Másteres de FP

No acordo asinado hoxe recóllese tamén a colaboración de FINSA na formación do profesorado de másteres de FP, un proxecto novidoso que se impulsará a partir do vindeiro curso coa implantación dunha quincena destas titulacións relacionadas con sectores punteiros como a fabricación intelixente ou o big data. Así mesmo, a empresa estudará a posibilidade de contribuír tamén á formación práctica de alumnos destes cursos de especialización nas súas instalacións.

Por outra banda, FINSA seguirá cooperando coa FP galega no relativo á o módulo de Formación en Centros de Traballo, así como nos proxectos de innovación impulsados desde os centros educativos que imparten estas ensinanzas e na actualización das competencias tanto das persoas traballadoras como do propio profesorado.

Apoio fundamental

O conselleiro de Educación quixo agradecer a FINSA o seu apoio á Formación Profesional galega, especialmente na modalidade Dual, fundamental para que o alumnado dos ciclos formativos poida adquirir unha cualificación do máximo nivel, adaptada ás necesidades e á realidade do tecido produtivo galego.

Neste sentido, quixo salientar a boa acollida que está a ter entre o empresariado galego o novo proxecto de másteres de FP, e explicou que xa se está traballando man a man con varias entidades para iniciar proximamente a formación dos docentes que van impartir estas titulacións.

Román Rodríguez destacou que a colaboración entre a Administración e o tecido empresarial é a fórmula idónea para facer medrar a Formación Profesional galega, grazas á que se acadaron índices de empregabilidade superiores ao 90% na modalidade Dual. “Os másteres de FP, cuxa andaina estamos comezando, –dixo– son un novo paso no camiño cara a excelencia que levamos máis dunha década construíndo xuntos”.

Comentarios