Trasladan ao Pleno a necesidade de espazo alternativo para aparcar a veciñanza da Calzada de Sar

Trasladan ao Pleno a necesidade de espazo alternativo para aparcar a veciñanza da Calzada de Sar
Trasladan ao Pleno a necesidade de espazo alternativo para aparcar a veciñanza da Calzada de Sar

É necesario estabelecer canles de diálogo e participación para evitar o malestar de residentes que logo das obras de reurbanización non teñen onde estacionar

O BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para coñecer a previsión do Goberno local para solucionar o problema do aparcadoiro de residentes na Calzada de Sar. Reclamará tamén que atendan a petición de reunión solicitada pola veciñanza, tendo en conta que coas obras de reurbanización quedaron sen prazas para estacionar os seus vehículos sen que existise diálogo nin alternativas, tendo en conta que algunhas destas vivendas carecen de garaxes.

De feito, foi precisamente a veciñanza quen demandou o acondicionamento desta vía e por iso é necesaria a revisión deste proxecto para dar servizo ás necesidades das persoas residentes neste barrio.

Segundo explicou a veciñanza a representantes do BNG, existía un compromiso co actual Goberno local de que as persoas residentes poderían estacionar os seus coches na calzada en horario de 21:00 a 9:00 h. e unha hora para xantar. Para iso, cumpría unha indicación de “só residentes”.

Outra das opcións da veciñanza é contar cun distintivo de residentes para deixar os seus coches na rúa paralela, Cruceiro de Sar, e que lles permitan estacionar alí.

A terceira posibilidade que ofrecen é dotar dun aparcadoiro de 6 prazas para residentes na nova zona urbanizada e nos viarios que se están a abrir no terreo paralelo á Calzada de Sar.

Para o BNG, é necesario estabelecer canles de diálogo e participación para evitar o malestar da veciñanza que non tivo coñecemento previo do proxecto e na actualidade se encontran sen alternativa de estacionamento, nin sequera para carga e descarga ou para persoas con mobilidade reducida e discapacidades.

Comentarios