Aberta a preinscrición de Verán CampUSC 2021

Aberta a preinscrición de Verán CampUSC 2021
Aberta a preinscrición de Verán CampUSC 2021

Ofertaranse un total de cinco quendas entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, con 120 prazas en cada unha delas

Nenas e nenos nacidos entre 2004 e 2017 son os destinatarios de Verán CampUSC, un campamento urbano que busca posibilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares. A través do seu programa de actividades, o Verán CampUSC servirá como espazo de iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos. O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o 12 de maio.

Organizado pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela, desenvolverase fundamentalmente en instalacións de Campus Vida en cinco quendas que abarcarán o período comprendido entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, agás agosto. O horario será de 8.45 a 14.45 horas e contará con 120 prazas por cada quenda. A preinscrición e a información da convocatoria pódese consultar na web.

Esta edición do Verán CampUSC manterá unha serie de medidas implantadas xa o pasado curso para facer fronte á actual situación sanitaria. Dende a organización coordináronse con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes como do persoal que dinamizará o programa. Ademais, antes do inicio do programa, as familias participantes recibirán toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas.



Comentarios