Santiago Centro imparte un novo ciclo de sesións en liña centradas en ferramentas dixitais para o comercio

Santiago Centro imparte un novo ciclo de sesións en liña centradas en ferramentas dixitais para o comercio
Santiago Centro imparte un novo ciclo de sesións en liña centradas en ferramentas dixitais para o comercio

Os obradoiros, de carácter práctico, permiten mellorar as habilidades e a integración dixital do comercio polo miúdo

Santiago Centro imparte a terceira edición do ciclo de sesións en liña centrado na actualización de coñecementos de ferramentas dixitais para o comercio local. A iniciativa pon a disposición dos comerciantes o coñecemento de varias utilidades de venda online, composición gráfica, programación e métricas para redes sociais, afondando na mellora das habilidades dixitais e na integración do sector retallista na realidade do comercio en liña.

Os cursos, que comezaron o pasado luns e se prolongarán ata mediados de maio, intégranse na programación de comercio innovador de Santiago Centro. A imposibilidade de realizar reunións presenciais moveu á Fundación a trasladar parte do seu programa ao mundo virtual. De feito, a pandemia acelerou a necesidade de que o comercio polo miúdo se dote de ferramentas dixitais que lle permitan chegar mellor aos seus clientes e conseguir outros máis alá da propia contorna.

Neste sentido, Santiago Centro lanzou hai xa dous anos un Plan Estratéxico que incide especialmente nesta prioridade, coa visión de que o comercio local deben aproveitar ao máximo as oportunidades que ofrecen a tecnoloxía e as redes. O dano que provoca a competencia das grandes compañías de comercio electrónico é evidente, polo que resulta urxente a adaptación dos negocios tradicionais a un novo xeito de vender e de relacionarse cos clientes.

Os contidos do ciclo céntranse en utilidades de fácil uso e gran impacto en imaxe e vendas.

Despois dun taller inicial sobre a utilidade de deseño Canva, a seguinte sesión impartiraa o 3 de maio o especialista en marketing dixital Javier Fernández, e tratará sobre as Posibilidades de Facebook Business. O potente xestor de anuncios e ecommerce da rede social ofrece moitas alternativas para o pequeno comercio, e este será un achegamento ás súas potencialidades. Para o 10 de maio programouse a sesión Metricool: programa o teu impacto en redes. Metricool é unha ferramenta de publicación e métricas que permite planificar as campañas nas principais redes sociais e medir o seu impacto cun custe asumible. A experta en comunicación e innovación comercial Elena Goyanes será a encargada da charla. Por último, o mércores 19 de maio será de novo Javier Fernández quen falará de Como utilizar Instagram Shopping, a ferramenta de venda online da popular rede social.

A inscrición para estes tres obradoiros segue aberta a través do correo electrónico info@santiagocentro.gal. As sesións, ás que se pode asistir unicamente con inscrición e teñen prazas limitadas, lévanse a cabo a través de videoconferencias en Zoom. A iniciativa, enmarcada no esforzo de dixitalización e innovación que afrontan os comercios de Santiago Centro, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Santiago.

Comentarios