A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá como recurso didáctico aos centros educativos de toda Galicia o espectáculo “O grande Beethoven”

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá como recurso didáctico aos centros educativos de toda Galicia o  espectáculo “O grande Beethoven”
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá como recurso didáctico aos centros educativos de toda Galicia o espectáculo “O grande Beethoven”

O alumnado disporá dun vídeo e dunha guía didáctica para poder desfrutar coa música clásica a través do xenial compositor

A actual situación sanitaria levou á Real Filharmonía de Galicia a suspender todos os concertos didácticos desta temporada. No entanto, a orquestra está a gravalos para que os centros educativos de toda Galicia poidan dispoñer e traballar con este material didáctico; en liña co propósito da RFG de achegar tanto a orquestra como a música clásica aos máis novos.

Esta semana levouse a cabo a gravación do espectáculo “O grande Beethoven”, en colaboración co Serviço Educativo da Casa da Música de Porto e o mestre Jan Wierzba, para conmemorar o 250º aniversario do compositor. Con esta gravación vanse crear unha serie de materiais, que constan dun vídeo e dunha guía didáctica, que se porán en breve a disposición da comunidade educativa.

“O grande Beethoven” conta a historia do xenial compositor Ludwig van Beethoven, un auténtico revolucionario da historia da música, que nacía hai 250 anos na cidade alemá de Bönn. A Real Filharmonía de Galicia desentraña algúns pequenos segredos sobre a vida e o (mal?) xenio de Beethoven, amosándonos tamén como funciona o instrumento que hoxe coñecemos como orquestra sinfónica.

Os recursos didácticos que se van preparar a partir desta gravación están especialmente recomendados para o alumnado de primeiro e segundo ciclo de Educación Primaria, en particular para nenos e nenas de 6 a 10 anos. A Real Filharmonía de Galicia porase en contacto cos centros educativos para indicarlles como poden visualizar este espectáculo.

Os centros galegos de Bacharelato e Secundaria xa teñen accesible o material didáctico do espectáculo “Pangea: a paisaxe sonora do noso planeta”, gravado co multiinstrumentista Abraham Cupeiro. Trátase dunha viaxe sonora que percorre os cinco continentes e que descobre a extraordinaria diversidade cultural a través da música.

Comentarios