Piden a Educación, con máis de 2.000 sinaturas, que o período de adaptación en 4º de infantil non sexa voluntario

Piden a Educación, con máis de 2.000 sinaturas, que o período de adaptación en 4º de infantil non sexa voluntario
Piden a Educación, con máis de 2.000 sinaturas, que o período de adaptación en 4º de infantil non sexa voluntario

Tanto CIG como CC.OO. trasladaron o seu rexeitamento á iniciativa e solicitaron a rectificación do calendario escolar.

A CIG-Ensino presentou ante a Xunta por rexistro máis de 2.000 firmas en defensa do período de adaptación en 4º de infantil e tras a proposta do Goberno galego de que se trate dunha posibilidade e unha medida de carácter voluntario.

Tanto CIG como CC.OO trasladaron o seu rexeitamento a esta decisión na última reunión da mesa sectorial, na que se abordou o calendario escolar do próximo curso. Por mor diso, ambas as organizacións impulsaron diferentes campañas para tentar frear ou visibilizar a importancia deste período de adaptación "fundamental" para os pequenos.

O sindicato nacionalista emprendeu unha recollida de sinaturas que xa suman máis de 2.168 nas últimas 48 horas e coas que se solicita modificar a proposta de calendario escolar para que este período de adaptación sexa flexible en horario e duración (non máis aló do 30 de setembro) e que a decisión lle corresponda ao equipo docente.

A campaña segue aberta e o sindicato confía que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, escoite o profesorado nun tema que considera "de vital importancia" para o alumnado, dado que os pequenos se atoparán con "moitas diferenzas" ao chegar ao novo centro e necesitan adaptarse.

Este período de adaptación, engaden, é "fundamental" para establecer unha boa integración do alumnado, unha boa comunicación entre a familia e o centro e para realizar unha profunda avaliación inicial en relación á inclusión dos estudantes.

"Non pode depender, como pretende a Consellería, da voluntariedade das familias que en moitos casos estarían condicionadas á hora de tomar unha decisión de non realizar o período de adaptación polas súas obrigacións laborais", insiste.

CC.OO. Ensino, pola súa banda, advertiu de que esta proposta forzará "unha confrontación entre a conciliación laboral e familiar" e "o dereito do alumnado" a tal período de adaptación, polo que considera que a decisión representa "un ataque á autonomía pedagóxica" dos docentes.

Neste sentido, animaron a aprobar escritos nos claustros dos centros galegos para visibilizar este rexeitamento e "presionar" á a Consellería de Educación.

Comentarios