Aberto ata o 18 de maio o prazo para presentar alegacións á modificación puntual do PXOM sobre a regulación de usos

Aberto ata o 18 de maio o prazo para presentar alegacións á modificación puntual do PXOM sobre a regulación de usos
Aberto ata o 18 de maio o prazo para presentar alegacións á modificación puntual do PXOM sobre a regulación de usos

O Pleno da corporación aprobou o pasado 12 de marzo de forma provisional a modificación puntual do título III do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), co obxectivo de preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente.

Durante o prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG (16 de marzo), os interesados poden consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. Nas alegacións que se presenten deberá constar a referencia PLA/38/2019.


Segundo sinala a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, "non se trata dun documento pechado, senón que queremos que se enriqueza durante o trámite de exposición pública. A nosa vontade é estudar e analizar as aportacións que nos cheguen de todas as partes", polo que anima a cidadanía a consultar o expediente.

A documentación sometida a exposición pública está a dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, previa cita que haberá de solicitarse no número de teléfono 981542426 ou na páxina web do Concello (enlaces ao remate da noticia).

Obxectivo de modificación
A memoria do documento sinala o interese público da modificación e indica que a finalidade é preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente. Con esta modificación tamén se trata de dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da vixencia do PXOM.

O documento foi elaborado de oficio polos servizos técnicos municipais, sobre o terreo, co coñecemento e experiencia do persoal de planeamento e tamén de licenzas do departamento de Urbanismo,

Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos; a identificación de distintas zonas na cidade, entre as que se atopan as zonas sensibles ou de risco, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prevalencia do uso residencial, como son a cidade histórica, o Ensanche, Vite e Fontiñas; e a ordenación por plantas do edificio, é dicir, a autorización de vivendas de uso turístico na planta baixa cando se permitan viviendas nesa planta. Cando non se permitan, autorizaranse no primeiro andar. 

Comentarios