Ames estuda mancomunar o servizo de canceira cos Concellos de Negreira e A Baña

Ames estuda mancomunar o servizo de canceira cos Concellos de Negreira e A Baña
Ames estuda mancomunar o servizo de canceira cos Concellos de Negreira e A Baña

Esta semana, o alcalde de Ames, Blas García, mantivo primeiro unha reunión co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, e posteriormente co alcalde da Baña, José Antonio Pereira. Estes encontros enmárcanse na ronda de contacto que está mantendo o rexedor de Ames cos seus homólogos dos municipios da contorna. Algúns dos temas tratados foron comúns e buscan mancomunar servizos entre os tres concellos.

Deste xeito, vaise estudar a posibilidade de poñer en marcha un servizo de canceira municipal entre Ames, Negreira e A Baña, ao que se poidan sumar outros concellos da comarca que estean interesados. Segundo explica o alcalde de Ames “trátase dun asunto que nos preocupa aos tres Concellos polo que vamos a tratar de dárlle unha solución”. Para dotar da infraestrutura necesaria a dito servizo vaise tratar de buscar a colaboración da Deputación da Coruña para dispor do financiamento necesario.

O alcalde de Ames tamén abordou cos rexedores de Negreira e A Baña a posible posta en marcha de proxectos turísticos vinculados ao río Tambre. Este mesmo tema abordouno a semana pasada co alcalde de Brión, Pablo Lago. O obxectivo é facer unha proposta entre todos os concellos polos que discorre o río Tambre para desenvolver un proxecto de turismo ecosostible. “Coa pandemia comprobamos que á xente lle gusta este tipo de turismo próximo, tranquilo e de natureza”, destaca Blas García.

Outro asunto común aos tres Concellos é a posibilidade de que as Agrupacións de Protección Civil de Ames, Negreira e A Baña poidan colaborar para a realización de traballos e asistencias en emerxencias de forma conxunta. Na actualidade o Concello de A Baña non ten Agrupación de Protección Civil, pero está pensando na súa creación.

Temas tratados co alcalde de Negreira
O rexedor de Ames abordou varios asuntos co alcalde de Negreira. Un deles foi a posible creación e conexión do servizo de saneamento do lugar de A Ponte Maceira (a parte que está situada no concello de Negreira) á depuradora que o Concello de Ames ten en Agrón. Proximamente ambos alcaldes visitarán A Ponte Maceira coas asociación de veciños de dito lugar e cos técnicos municipais de ambos Concellos, para estudar a posibilidade de conectar dita rede de saneamento amesá. De existir a posibilidade o Concello de Negreira elaborará o proxecto para a realización do saneamento na súa zona, xa que a parte amesá de A Ponte Maceira xa dispón del desde fai uns anos.

Outro dos asuntos abordados foi o problema de seguridade viaria que existe na AC-544, entre Bertamiráns e Negreira, onde se producen numerosos accidentes de tráfico. O Pleno do Concello de Ames xa aprobou en 2020 varias mocións para tratar de resolver ditos problemas de seguridade viaria en dita estrada. Tanto Blas García como Manuel Ángel Leis coinciden en que a Xunta de Galicia debe acometer unha intervención máis profunda do que se leva feito ata o de agora para mellorar a seguridade viaria neste punto negro.

Saneamento Ames-A Baña
Os rexedores de Ames e A Baña tamén falaron sobre o proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña. Os alcaldes de Ames e da Baña solicitarán unha xuntanza con Augas de Galicia para abordar as vías de financiamento deste obras que afecta a ambos concellos.

O proxecto desta obra está sendo redactado por técnicos de Augas de Galicia. Con este plan de recollida, transporte e tratamento das augas residuais beneficiaranse uns 500 veciños e veciñas dos dous municipios. O proxecto percorre as parroquias amesás de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e a bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).

Comentarios